O CONCELLO ADQUIRE UN VEHÍCULO CON PLATAFORMA ELEVADORA E UNHA FURGONETA PARA O SERVIZO ELÉCTRICO MUNICIPAL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, indicou que o investimento realizado supera os 81.000 euros e permitirá mellorar as condicións de traballo dos operarios municipais
Narón, 28 de novembro de 2018. O Concello de Narón adquiriu un novo vehículo todoterreo con plataforma elevadora de persoal e unha furgoneta que se destinan ao servizo eléctrico municipal. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse esta mañá ao parque de Freixeiro, donde se atopaba o todoterrreo. A rexedora local indicou que “a furgoneta chegará nos vindeiros días” e explicou que a compra dos dous vehículos supuxo un investimento ás arcas locais de algo máis de 81.000 euros.
O concelleiro responsable da área, Ibán Santalla, recalcou que se trata “dun vehículo todoterreo pick up, con cabina con capacidade para levar a dúas persoas, a mesma capacidade que a plataforma elevadora, e que permite traballar a unha altura máxima de trece metros e cun alcance lateral de seis”.
Tanto o todoterreo como a furgoneta completarán o parque móbil da área municipal de servizos, que formaban un total de catorce vehículos. Marián Ferreiro avanzou tamén que de cara ao vindeiro ano, a previsión no orzamento municipal é substituír algúns dos modelos máis antigos do parque móbil desa área por outros a través do sistema de renting. “Ao renovar os modelos os operarios que habitualmente realizan tarefas de mantemento e conservación en instalacións de alumeado público no exterior, como reposición de lámpadas, equipos auxiliares… poden traballar en mellores condicións das que o viñan facendo ata o de agora”, asegurou o concelleiro naronés.
A área de Servizos conta na actualidade con once profesionais municipais que realizan diferentes tarefas de mantemento no concello: oito electricistas, dous albaneis e un fontaneiro. “Lonxe de externalizar este servizo, desde o Concello de Narón apostamos por manter e incrementar o plantel desta área, tal e como viñemos facendo nos últimos anos, o que nos permite actuar na maior parte das ocasións con máis axilidade que se subcontratamos as tarefas, repercutindo nun mellor servizo ás veciñas e veciños da cidade”, subliñou Ferreiro.