O CONCELLO CONMEMORARÁ MAÑÁ O DÍA INTERNACIONAL DE CONCIENCIACIÓN DA MORTE XESTACIONAL E PERINATAL
O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, explicou que mañá lerase un manifesto ao mediodía no Concello e pola noite iluminarase de cor rosa e azul a glorieta de Freixeiro
Narón, 14 de outubro de 2019. O Concello de Narón conmemorará mañá o Día Internacional de concienciación da morte xestacional e perinatal. O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, explicou que o Concello se adherirá a esta convocatoria atendendo a petición formulada dende Bolboretas do ceo, Asociación Galega de Apoio a familias que perderon aos seus fillos ou fillas durante a xestación ou ao pouco tempo de nacer.
En sinal de apoio ás familias que sofren esas mortes xestacionais e perinatais iluminarase de cor rosa e azul –representativos da citada causa- a glorieta de Freixeiro mañá pola noite, tal e como indicou Galego. Así mesmo, ás 12.00 horas procederase a ler na entrada principal do Concello o manifesto do Día da morte xestacional e perinatal, un acto no que participarán representantes da administración local e tamén da asociación Bolboretas do ceo.