PRETO DUNHA VINTENA DE PERSOAS RECIBIRÁN OS DIPLOMAS DE TRES ACCIÓNS FORMATIVAS IMPARTIDAS NA AULA CEMIT
A concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, recordou que os tres cursos supuxeron preto de 450 horas de formación
Narón, 25 de novembro de 2020. A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou que esta mesma mañá se informou ao alumnado de tres cursos impartidos na Aula Cemit de Xuvia que poderán pasar a recollelos no Concello. Trátase, tal e como indicou, das accións formativas de “Ofimática avanzada”, “Ofimática, curso preparatorio exame CODIX” e “Contabilidade e RRHH”.
“Con estes tres cursos impartíronse na Aula Cemit de Xuvia 445 horas de formación e que remataron con éxito dezaséis persoas”, apuntou. A edil naronesa recordou que as sesións se levaron a cabo entre os meses de agosto e outubro deste ano e felicitou á xente que rematou estas convocatorias. “O alumnado incrementou a súa formación nestas materias que se dirixiron á cidadanía en xeral, polo que se puideron inscribir todas as persoas interesadas, con nove prazas en cada un dos cursos”.