O PAZO INICIA A PROGRAMACIÓN DO PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO COA REPRESENTACIÓN DA COMEDIA "O PREMIO"
A compañía La Quintana abrirá a programación deste ano, o sábado ás 20.00 horas, cunha comedia na que o público terá un papel moi destacado á hora de decidir o final da historia
Narón, 5 de xaneiro de 2021. O Pazo da Cultura estreará este sábado, día 9, a programación do primeiro trimestre do ano do Padroado da Cultura coa representación da comedia “O Premio”, da compañía La Quintana. A cita será ás 20.00 horas e as entradas dispoñibles ata completar o aforo –de 500 persoas trala entrada en vigor hoxe das novas medidas sanitarias no concello- poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web: www.padroadodecultura.es. O prezo é de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).
A comedia “O Premio” fala da situación das personas nun futuro próximo no que o progreso tecnolóxico e a loita cara ao éxito económico, sentimental e social fose tal que se viron obrigadas a caer en “O Premio” como única fórmula para acadar a felicidade. Trátase dun reality en directo no que o público terá un papel moi activo, xa que será o que vote quen merece levar o premio da súa vida. Hai tres finais posibles dos que un, o que o público decida, será o que porá fin a esta comedia.