A ASOCIACIÓN ASPANAES PRESENTOU NO CONCELLO UN SERVIZO DE ATENCIÓN TEMPERÁ PARA ATENDER A PERSOAS CON TRASTORNO DO ESPECTRO AUTISTA
A concelleira de Benestar Social, Catalina García, reuniuse co director de Aspanaes, José Alén, a vicepresidenta da entidade, Mercedes Fernández, e a terapeuta ocupacional do Servizo de Promoción Autónomo Persoal, Cristina Santiago
Narón, 25 de marzo de 2021. A concelleira de Benestar Social, Catalina García, mantivo unha xuntanza no Concello co director de Aspanaes, José Alén, e coa vicepresidenta da entidade, Mercedes Fernández, e a terapeuta ocupacional do Servizo de Promoción Autónomo Persoal, Cristina Santiago. No transcurso da mesma os representantes de Aspanaes, dende donde se atende a uns corenta persoas de Narón, abordaron coa edil naronesa diferentes asuntos co obxectivo de manter vías de colaboración e cooperación en diferentes accións e programas.
Unha das propostas sobre as que se ofreceu información á edil naronesa foi o servizo de atención temperá da entidade. García destacou a importancia deste servizo dirixido a persoas con trastorno autista e ás súas familias e coincidiu na importancia de continuar apostando por el co fin de atender as necesidades do colectivo. A concelleira naronesa valorou o resultado do encontro e o traballo realizado dende Aspanaes con persoas con trastorno do espectro autista e recordou que o Concello ten un convenio coa entidade por un importe de 12.000 euros anual para desenvolver diferentes iniciativas e colaborar na prestación de determinados servizos, entre eles o de atención temperá.
Así mesmo, na reunión ofreceuse a posibilidade de que o Concello participe no movemento internacional “Light it up blue”, como mostra de solidariedade e apoio institucional ao colectivo. Dende a entidade solicitan que na tarde noite do venres 2 de abril se ilumine un edificio ou espazo de cor azul para cumprir co reto deste ano, que é acadar que 400 edificios e monumentos emblemáticos de España se tingan de azul polo colectivo TEA, tal e como indicaron dende Aspanaes. García comprometeu a participación do Concello nesta iniciativa “para colaborar dende a nosa cidade no cumprimento dos obxectivos marcados e constatar tamén a través desta iniciativa o noso compromiso co colectivo TEA e as súas familias”.