AFAL RETOMOU OS "OBRADOIROS DE ESTIMULACIÓN COGNITIVA" QUE IMPARTE NO LOCAL SOCIAL DE PIÑEIROS
A edil de Benestar Social, Catalina García, desprazouse á sede da asociación con motivo da reanudación do obradoiro
Narón, 17 de setembro de 2021. A concelleira de Benestar Social, Catalina García, desprazouse esta semana á sede da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAL), no local social de Piñeiros, con motivo do reinicio dos obradoiros impulsados dende a entidade. Os obradoiros de estimulación cognitiva, aos que acoden usuarias e usuarios de AFAL retomáronse nas citadas instalacións con todas as medidas sanitarias e desenvólvense de novo os luns e mércores de 11.00 a 13.00 horas.
García destacou o traballo que realiza AFAL co colectivo de persoas con alzheimer e tamén coas súas familias e incidiu na importancia de que no caso deste obradoiro, trátase dunha actividade “aberta a todas as veciñas e veciños da cidade afectados por esta enfermidade”. A concelleira naronesa interesouse ante os responsables da asociación e algunhas usuarias alí presentes sobre o traballo que realizarán nos vindeiros meses e animou tamén ás persoas interesadas en recibir información sobre o mesmo a dirixirse ao local social de Piñeiros.
“É moi importante poder ofrecer ás familias asesoramento, apoio e tamén formación para que as persoas que o precisen dispoñan dun completo servizo, como o que presta AFAL, entidade coa que continuaremos colaborando dende o Concello”, recalcou García.