O CANTAUTOR GALEGO ISMAEL TABOADA PRESENTARÁ O SÁBADO NO PAZO O SEU PRIMEIRO DISCO, "SIN CADENAS"
O edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, destacou o feito de que Taboada presente en Narón o seu primeiro traballo discográfico
Narón, 27 de setembro de 2021. O cantautor galego Ismael Taboada presentará este sábado, día 2, no Pazo da Cultura o seu primeiro disco “Sin cadenas”, tal e como recordou o edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo. A cita será ás 20.00 horas e as entradas dispoñibles están á venda a un prezo de 8 euros para o público xeral, podendo entrar de balde os abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).
“Sin cadenas” é o froito de seis anos de duro traballo de Ismael Taboada e reúne trece temas de música de autor. Consagrados artistas do panorama musical de Ferrolterra colaboraron co músico, que elixiu Narón para presentar o seu primeiro disco.
O evento representa unha oportunidade única para apoiar a música en directo e descubrir a unha das grandes promesas do panorama musical. O concerto terá unha duración aproximada de dúas horas e diríxese a todo tipo de públicos.