A Festa do Pemento do Couto trasládase ó terceiro domingo do mes de xullo.
Narón, 20 de Maio de 2010.- O Concello de Narón, en colaboración coa Asociación de Veciños do Couto e a Cooperativa do Val, veñen de anunciar a creación da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto. Esta distinción nace co fin de potenciar e darlle maior pulo á Festa do Pemento do Couto, e dar maior sona e realce ó cultivo desta hortaliza e a súa condición de cultivo propio e diferenciado.
O nomeamento das damas e cabaleiros do Pemento do Couto se levará a cabo coincidindo coa celebración da Festa do Pemento do Couto, que a partires deste ano se celebrará o terceiro domingo do mes de xullo. Se nomearán dúas persoas (unha por cada sexo) e se lles fará entrega da capa de pano de cor verde –como o pemento- co forro de cor azul –do mesmo tono que a bandeira do Concello de Narón-. No peito luce unha escarapela coa imaxe do pemento do Couto e nas ombreiras sendas escarapelas co escudo do Concello e as chaves da Orde de Cluny.
A Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto conta con tres cofrades maiores: o Alcalde de Narón, Jose Manuel Blanco, un representante da Cooperativa do Val, e outro da Asociación de Veciños do Couto.
Ademáis, o Concello desenvolverá as primeiras Xornadas Técnicas sobre o Pemento do Couto o vindeiro venres 28 de maio, no salón de actos da Cooperativa do Val. O Alcalde de Narón encargarase de abrir o acto, que contará coa intervención de expertos nesta materia. Logo de celebrarse a xornada, tense previsto editar un libro coas ponencias.