Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO LEVARÁ ESTE VENRES A UN PLENO EXTRAORDINARIO O ORZAMENTO MUNICIPAL POR IMPORTE DE 37,6 MILLÓNS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou co edil de Facenda, Román Romero, o documento contable deste ano
Narón, 10 de abril de 2024. O Concello acollerá este venres, día 12, un pleno extraordinario no que se someterá a aprobación o orzamento municipal deste ano, por un importe de 37.681.368 euros. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Facenda, Román Romero, presentaron esta mañá o documento contable trala Comisión de Contratación, Persoal e Especial de Contas. A rexedora local incidiu en que se trata dun orzamento realizado “co máximo realismo e reponsabilidade, no que se prioriza novamente a atención ás persoas, cubrindo as súas necesidades básicas, e que se concibe como dinámico, para poder adaptalo ás necesidades de gasto municipal en cada momento puntual no caso de que fose preciso”. A rexedora local explicou que o documento parte da base da “estabilidade” e subliñou que se recolle “un incremento moi substancial no contrato do Servizo de Axuda no Fogar, no que aumentamos nuns 400.000 euros a aportación municipal debido a que o financiamento da comunidade autónoma non permite prestalo dun xeito satisfactorio nin atender ás actuais necesidades do mesmo”. Destacou tamén Ferreiro que o capítulo de investimentos se incrementa nun 30,87% con respecto ao exercicio anterior. A adquisición de vehículos para o SPEIS; a reposición de pavimento en varios camiños da zona rural; a mellora da eficiencia enerxética no alumeado público da estrada de Cedeira e do polígono de Río do Pozo; melloras nos centros cívicos sociais de San Xiao, Doso, A Gándara, A Solaina, Xuvia…; a reforma das bancadas do pavillón Campo da Serra e a adecuación do pavillón do Val para pista de hockey; a homologación das pistas de atletismo de Río Seco; instalación de marquesiñas na zona urbana e rural e a posta en funcionamento do museo ubicado no muíño de Xuvia forman parte dos investimentos recollidos no documento contable do actual exercicio. Román Romero apelou a dificultade que supón novamente para o Consistorio “a gran problemática dos últimos anos de ter que asumir competencias que non son propias do Concello senón doutras administracións, un feito que lastra poder levar a cabo outras funcións ou investimentos na cidade”. “Partimos dunha posición, como dicía, estable e realista, que nos permite atender e afianzar os piares sobre os que se asenta este orzamento, co que queremos seguir construíndo o Narón do futuro, tendo moi clara a nosa prioridade, as persoas”, recalcou a rexedora local. Ferreiro avanzou que “o documento contable está feito pensando na nosa veciñanza, a través da que poder continuar avanzando cara á modernidade e o progreso, sempre co benestar cidadán como bandeira e atendendo os servizos básicos”, asegurou.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal