Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADO INICIALMENTE NO PLENO EXTRAORDINARIO CELEBRADO ESTA MAÑÁ O ORZAMENTO MUNICIPAL DE 37,6 MILLÓNS DE EUROS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu o labor do persoal funcionario que traballou no documento contable e a "posición constructiva do BNG"
Narón, 12 de abril de 2024. O Concello aprobou inicialmente o orzamento municipal do actual exercicio, que ascende a 37,6 millóns de euros. Rexeitadas dúas enmendas presentadas polo PP escasos minutos antes da sesión plenaria, o documento contable saíu adiante cos votos favorables dos edís de TEGA e a abstención do BNG, mentres que PP e PSOE se manifestaron en contra. Ao remate da convocatoria, que durou hora e media, a alcaldesa, Marián Ferreiro, agradeceu o labor de todas e todos os funcionarios que traballaron no documento e tamén a postura do BNG “por facer unha oposición constructiva que permita chegar a acordos beneficiosos para as veciñas e os veciños de Narón”. O voceiro de TEGA e edil de Facenda, Román Romero realizou un repaso polos diferentes capítulos do orzamento e incidiu en que se trata dun documento “desamparado por outras administracións ao facernos atender competencias que non son propias do Concello”, aludindo tamén ao incremento de custes dos contratos, dos servizos prestados, actualización de salarios marcada por lei... O edil naronés destacou tamén algúns dos investimentos contemplados no orzamento, como a reposición de pavimento en camiños da zona rural; a mellora da eficiencia enerxética no alumeado público da estrada de Cedeira e do polígono de Río do Pozo; melloras nos centros cívicos sociais de San Xiao, Doso, A Gándara, A Solaina, Xuvia…; a reforma das bancadas do pavillón Campo da Serra e a adecuación do pavillón do Val para pista de hockey; a homologación das pistas de atletismo de Río Seco… Romero destacou que “temos sete millóns de euros en investimentos executados no ano 2023, totalmente executados e con factura pagada, e do capítulo 1 ao 5 case alcanzamos o 90% de execución, o que demostra o gran traballo que se fai no día a día neste Concello”. Romero acusou ao PP e ao PSOE de defender unha postura ou outra en función de se gobernan ou están na oposición e lamentou o nulo compromiso da Xunta de Galicia nos seus orzamentos coas veciñas e veciños desta cidade. Finalmente, a rexedora local recordou que os grupos políticos dispoñen dende hai dous meses do documento contable e recalcou que si se valorou a viabilidade das propostas plantexadas, explicando que concretamente no caso das formuladas polo PP “supoñen un investimento de 5 millóns de euros para cousas que nalgúns casos xa están encamiñadas e sen ter en conta a subida de contratos de servizos e instalacións que de media, sen varialos, subiron anualmente uns 200.000 euros cada un deles, o que supón que realizar eses mesmos investimentos que o ano pasado, en servizos básicos, impropios como o caso das garderías, e persoal, supón un gasto ao concello de dous millóns de euros máis este ano”. A alcaldesa lamentou a postura do PP e PSOE local e recalcou que “a diferencia está en que nós gobernamos e priorizamos e a vostedes como están na oposición todo lles vale”. A maiores, Ferreiro subliñou que estes orzamentos se presentan con ilusión e para dar cabida ás necesidades principais das veciñas e veciños de Narón”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal