A Concellaría de Educación do Concello de Narón, dirixida por Ma del Carmen Espada Cortizas, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza cursos de lingua galega no mes de novembro de 2012 co fin de mellorar a competencia lingüística e comunicativa da cidadanía. A continuación detállanse os cursos ofertados:
Lingua galega de calidade
Traballaranse contidos como o cambio na normativa realizado en 2003; aspectos máis problemáticos á hora de empregar con corrección a lingua galega como é a interferencia lingüística do castelán na fonética, morfosintaxe e léxico da lingua galega; incidirase na importancia do emprego de formas xenuinamente galegas como o infinitivo conxugado,...; e tamén se incidirá na importancia de non empregar unha linguaxe sexista.
A linguaxe administrativa
O obxectivo deste curso é dar a coñecer o estilo e as características da linguaxe administrativa, así como traballar a redacción de documentación.
Os cursos teñen prevista unha duración de 30 horas, das cales 20 serán presenciais e 10 non presenciais. As horas non presenciais están dirixidas á realización de diferentes actividades propostas polo profesorado.
O número máximo de alumnado que pode asistir ao curso é de 30, e seleccionarase por orde de inscrición. Para a realización dos cursos é necesario que asista un mínimo de 10 persoas.
Para a realización destes cursos será conveniente (aínda que non imprescindible) ter un nivel de competencia lingüística equivalente, como mínimo, a un Celga 3, para o seu correcto aproveitamento.
Inscricións:
Para inscribirse nos cursos as persoas interesadas teñen que presentar unha solicitude e a fotocopia do DNI ou pasaporte no Rexistro Xeral do concello, entre o 17 de setembro e o 26 de outubro de 2012 (ambos inclusive).
Para máis información sobre os cursos de formación en lingua galega podedes consultar a web www.naron.es, chamar ao teléfono 981337700 ext. 1516, enviar un correo electrónico ao enderezo de correo do servizo a.pita@naron.es, ou informarvos na 5a planta da Casa do Concello.
Servizo de Normalización Lingüística
Este departamento, dependente da Concellaría de Educación, está sostido con fondos do Concello de Narón e subvencionado pola Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Á parte do seu labor interno, tamén lle presta o seu servizo a calquera persoa particular, empresa, asociación ou entidade que o demande, tanto de asesoramento lingüístico coma de tradución e corrección de textos. Entre as funcións que desenvolve atópanse as de dinamización, asesoramento e formación lingüística.
|