Algúns lugares de interese:
Muíño de Vento: cando chegamos ao Pazo do Vento, atopámonos cun muíño circular, feito excepcional en Narón.
É unha construcción amurallada, que xa carece de tellado e de maquinaria, pero que chama á visita pola súa peculiar
distribución. Está formado por un conxunto de casona, muíños, alpendres, pombal e un pozo de cantería moi dimensionado,
xunto a un hórreo de pilastras de cantería de máis de sete metros de longo.
Muíño de Amenadás:: seguindo o curso do río Freixeiro, atopamos o muíño de Amenadás, que aínda se mantén en
funcionamento. Creada no século pasado, esta construcción recolle un adianto tecnolóxico de grande interese, os muíños
de turbina, de moito aproveitamento das augas, pois se idearon para cursos de pouca auga.
Muíño das Aceas:: o muíño de mareas das Aceas foi unha das principais fábricas de fariñas de Galicia no
século XIX, cando recibía o trigo desde Ucraína e América. Creado a finais do século XVIII, e promovido por unha
sociedade de empresarios galegos e franceses, o edificio consta de represa, muíño, vivenda, almacéns e casa de
recreo adosada, todo pechado cun muro de pedra. Esta Real Fábrica de fariñas é unha obra de grandes dimensións,
que permite a entrada das mareas a través dunha comporta xiratoria e embalsa máis de 50.000 metros cúbicos de auga,
enerxía dabondo para mover as grandes pedras moedoras de que dispón.
Muíño de Xuvia:: en 1858 era o principal muíño do país en capacidade de producción na súa clase. Recibía o
trigo en barcos do Báltico, de América e de Santander. Pero non acabou aí a súa contribución á economía da zona, e anos
máis tarde este muíño fariñeiro chegou a mover unha fábrica de papel, unha de tecidos e unha de laminados de cobre. A
posterior perda da súa importancia económica non lle restou nin un ápice da súa beleza, reflectida nunha fermosa presa,
recollida por un paseo de magnolios. A poucos metros desta fermosa estampa atópase o desaugadoiro do río Xuvia na ponte
dos Andrade, que serve como liña estremeira dos concellos de Narón e Neda.
Presa do Rei:: grandes árbores deitadas sobre a auga e corzos abeberando nas ribeiras do río Xuvia. Xunto a
esta paisaxe, a presa ofrece fermosas fervenzas, creadas no discorrer do río Grande cara á ría de Xuvia. A Presa do Rei
foi construída en tempos de Afonso XIII, para fornecerlle enerxía á Real Fábrica de moeda de Xuvia, e actualmente é un
dous lugares máis emblemáticos para os camiñantes que visitan Narón.
|