POR ONDE IR
De toda Galicia, e incluso de fora de Galicia van os peregrinos a San Andrés de Teixido, pero o camiño clásico e o que
aglutinaba és romeiros que querían completa-la súa peregrinación a Teixido partía precisamente de Narón, do Mosteiro de Xuvia
ou de O Couto, onde vemos hoxe o taboleiro anunciador da antiga ruta coñecida como Camiño Vello a Teixido. Unhas frechas
gravadas en cor verde sobre táboas de madeira, colocadas oportunamente en cada cruce de camiños, vainos orientando
na nosa marcha.
A lenda e de todos coñecida: Cristo estaba recorrendo o mundo e, canso de andar, detívose en Teixido. Para recuperar
forzas tomou unha mazá e cando a abriu atopou nela a San Andrés. O Santo queixouse amargamente da súa situación, esquecido
e abandonado naquelas apartadas terras. Xesús compadeceuse e prometeulle a San Andrés que a súa romaría sería a máis visitada,
xa que ninguén, nin morto, nin vivo, deixaría de acudir a ela. Outras versións din que Xesús lle respondeu: Queda aí San Andrés
que quen no veña de vivo unha vez virá de morto tres.
Inicirémo-lo noso recorrido, pois, no adro da igrexa de San Martiño de Xuvia seguindo as indicacións. Ós 13 Km de recorrido
por terras de Narón, haberá que engadir logo outros 29 Km polos municipios de Valdoviño e Cedeira. Comezaremos subindo cara o
Outeiro do castro de Petouzal, cuberto de bosque, para baixar axiña ó Muiño das Aceas. Logo de atravesármo-la Estrada de Castela,
pasaremos preto do castro de Sequeiros, percorrendo a corredoira de Feal e outros camiños que nos levarán cara á Pena de Embade.
Seguiremos polos lindes entre os municipios de Narón e Valdoviño, Carreira de Arriba, Monte Boeira, Carballo e as ladeiras do
Monte Esperón con amplias vistas sobre o val de Trasancos, os montes de A Lagoa e o grande areal de A Frouxeira.
O percorrido a trvés do municipio de Valdoviño levaranos polos montes de A Moura ata as marxes do encoro de As Forcadas,
en medio duna paisaxe apacible e tranquilizadora, para baixar precipitadamente a Vilarrube e cegar ó Porto do Cabo. Aquí era
tradición pasar a última noite antes de emprendela última xornada de marcha ata San Andrés. Aínda conservan os vecinos deste
lugar o seu talante hospitalario e ofrecen ó peregrino refixio nos seus pallares para descansar. A última etapa iníciase en
Porto do Cabo, a 11 Km de Teixido, ascende ata Viciñeira e enlaza cunha pista foreswtal que atravesa a serra de A Capelada ata
Candales. A ruta descende desppois a Veriño, onde encontrámo-los primeiros amilladoiros, para seguir por Reboredo e, atravesando
o Chao de Uzal, cegar ó Cristo dos Cadrís. Dende alí iníciase o descenso de 1,5 Km, pola Costa Grande ata Teixido.
As reliquias de San Andrés ou sanandreses son pequenas figuras de masa de pan, sen fermentar e pintados de cores. As
figuras tradicionais ern as pombas, a man, a rosca trenzada e as representacións humanas, aínda que agora existen máis modelos:
áncoras, rodas, corazóns, trevos e outros motivos vexetais. Na fonte do Santo, os romeiros beben auga dos seus tres canos.
Tras pedir un desexo, poden saber se este sera concedido, para sabelo bótase unha migalla de pan na pía da auga. Se a migalla
flota, o desexo cumprirase, se pola contra se afunde a petición será rexeitada.
|