Unicamente haberá servizos mínimos no Rexistro e na Caixa, Conserxería e Protección Civil.
Narón, 6 de Xuño de 2013.- O goberno municipal de Narón (formado polos grupos políticos de Terra Galega, PSdeG-PSOE, BNG e Converxencia Galega) ven de manifestar o seu apoio á convocatoria de Folga Xeral Comarcal prevista para o día 12 de xuño en Ferrolterra, e facer un chamamento público á cidadanía para a súa participación na mesma.
O edificio da Casa Consistorial permanecerá pechado nesa xornada, agás os servizos mínimos (Rexistro, Caixa, Conserxerías, e Protección Civil). O resto dos servizos públicos non abrirán nesta data, en sinal de solidariedade e respaldo coas reivindicacións desta folga.
A través desta convocatoria de folga, o Concello de Narón esíxelle aos gobernos do Estado e da Xunta que concreten as medidas e os prazos para abordar iniciativas na defensa do emprego e dos sectores produtivos desta bisbarra.
Asimesmo, dende o Concello de Narón faise un chamamento á cidadanía da comarca a conformar un movemento amplo de presión e negociación para concretar os compromisos dos diversos gobernos con esta comarca.