Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
RELACIÓN DE ESTABLECEMENTOS PARTICIPANTES NO PROGRAMA GASTRONÓMICO 'HORTA DE NARÓN'
Preto de 40 locais de hostelería servirán tapas elaboradas con Pementos do Couto e Tomate Negro de Santiago, do 11 ó 14 e do 18 ó 21 de xullo.
Narón. Xoves, 4 de xullo de 2013.- Preto de 40 establecementos de Narón participarán do 11 ao 14 e do 18 ao 21 de xullo na Ruta Gastronómica 'Horta de Narón' posta en marcha pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa Concellería de Turismo, dentro do programa Narón Gastronómico creado para dinamizar o sector hostaleiro e poñer en valor os produtos culinarios da zona. A relación de establecementos participantes foi dada a coñecer hoxe en rolda de prensa polo Concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, a Concelleira de Turismo, María Rodríguez Porto, e o Presidente da Cooperativa de O Val, Benito Castro. Os locais que nesta ocasión se suman á iniciativa do Concello son: Café-Bar Marinito (o Val), Café-Bar Vidal +3 (Sta. Icía), Café-Bar España (Sta. Icía), Café-Bar La Comarca (O Ponto), Cafería Xanela (Sta. Icía), Cervecería Australian (A Gándara), Cervecería O Druida (A Gándara), Cervecería La Plaza (O Alto), Cervecería O Paseo (Xubia), Estrela de Castela (O Alto), Excelsior (Xubia), Club de Xubilados a Solaina, (Sta. Icía) La Barra de Oro (O Ponto), Mesón O Alecrín (Sta. Icía), Mesón O Fogar (Sta. Icía), Mesón O Pío, (Piñeiros) O Petisco (Freixeiro), O Pozo (Xubia), O Recanto (Freixeiro), Pizzería Plaza (Xubia), Restaurante A Ponte (O Val), Restaurante A Trasanquesa (Sedes), Restaurante Fortunato (Sta. Icía), Bar Ortegal (Sta. Icía), Romero I (San Mateo), Romero II (Virxe do Mar), Sidrería Astur (Castro), Taberna Chis (Sta. Icía), Vinatería Philadelphia (Piñeiros), Mesón O Cuco (O Val), Urbán (A Gándara), Restaurante O Pote (Freixeiro), Restaurante El Refugio (O Alto), Cervecería El Mercado (O Alto), A Roldana (Río do Pozo) e o Xatova (O Val). Os establecementos participarán cunha ou varias tapas, que se servirá nas datas antes sinaladas entre as 13.00 e as 15.00 h e das 20.00 á 22.00 h. Os negocios que o desexen poderán alongar os horarios e ofrecer as tapas durante máis tempo. As tapas serán gratuítas, de libre creación e estarán elaboradas con produtos de calidade, tendo que incluír necesariamente o Pemento do Couto ou o Tomate negro de Santiago, ou ambos á vez, tratando de exaltar o sabor e propiedades destas dúas hortalizas. As persoas que se acheguen aos establecementos inscritos nas xornadas poderán participar nun sorteo de 20 cestas con produtos da horta, se consumen a tapa típica das xornadas e depositan o cupón cos seus datos na urna correspondente. Todos os hostaleiros que participen na ruta disporán dunha urna e tarxetas para que os seus clientes poidan participar no sorteo. Encontro de Bloggers este sábado Para dar o pistoletazo de saída a esta actividade e acadar a máxima difusión nos medios especializados do contorno dixital, o sábado 6 de xullo celebrarase un encontro de bloggers gastronómicos. Os considerados mellores prescritores do sector culinario, coñecerán de primeira man todo o proceso de produción do Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago, desde a forma de cultivo ata o proceso de envasado, distribución e comercialización, sen esquecer a degustación final das hortalizas, todo da man da Cooperativa do Val. O programa constará dunha visita ao Mosteiro do Couto, de onde é orixinario o Pemento do Couto, un percorrido polos invernadoiros da Cooperativa para recoller o produto e unha cata no restaurante Casa Pendás. Presentación en Santiago de Compostela (Restaurante Casa Marcelo) Para proxectar e dar a coñecer os produtos da terra fóra da comarca, o xoves 18 de xullo farase unha presentación e degustación do Pemento do Couto e o Tomate Negro nun dos restaurantes máis emblemáticos de Galicia, “Casa Marcelo”, en Santiago de Compostela, que conta cunha estrela Michelin. Membro da prestixiosa asociación culinaria galega Grupo Nove, o chef Marcelo Tejedor é un dos cociñeiros con máis proxección internacional e mellor posicionado no sector a nivel global. Con motivo da iniciativa “Horta de Narón”, Marcelo Tejedor elaborará creacións exclusivas a base destas dúas hortalizas do campo naronés. XV Festa do Pemento do Couto “Horta de Narón” rematará o domingo 21 de xullo coa tradicional Festa do Pemento, na que se dan cita produtores, comercializadores, establecementos de hostalería e público en xeral para exaltar, poñer en valor e gozar desta deliciosa hortaliza. O Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago O Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago son dous produtos locais de gran calidade que actualmente cultiva e comercializa a Cooperativa do Val, na súa aposta pola recuperación e posta en valor de variedades autóctonas. A Cooperativa produce desde hai anos o Pemento do Couto, unha hortaliza xa consolidada na mercado, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida e que se caracteriza polo seu excelente sabor e propiedades, entre elas, a súa docura e que non pica. Continuando polo camiño da recuperación e revalorización das hortalizas locais, desde o ano pasado a Cooperativa do Val produce o Tomate Negro de Santiago, un tomate cun alto grao de azucres e acidez e excelente sabor que se está introducindo pouco a pouco con moito éxito. Con estes dous produtos, a Cooperativa do Val quere chegar ao consumidor que busca produto galego de calidade, cansado das variedades foráneas.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal