Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO RECLAMA DIÁLOGO Á XUNTA PARA SOLUCIONAR O PROBLEMA DO DÉFICIT DE SOGAMA
O Alcalde emitiu un Bando Municipal informando da situación e instando ó diálogo coa Xunta para evitar a suba do 34% da taxa do lixo ós concellos adheridos.
Narón, 26 de Marzo de 2014.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, ven de emitir un Bando Municipal con relación á suba dun 34% da taxa de Sogama, prevista pola Xunta de Galicia. O rexedor naronés asegura que a solución a este conflito, que irremediablemente repercutirá nunha suba de 3€ ó trimestre en cada recibo do lixo, pasa polo diálogo e non a imposición. “Penalizar aos veciños coa suba non é a nosa solución. A nosa solución pasa por un diálogo coa Xunta de Galicia para procurar unha repartición equitativa de custes, e reformar o modelo de xestión de Sogama para facelo máis eficiente económica e ambientalmente” tal e como recolle o texto do Bando, exposto dende hoxe no Concello e nas asociacións de veciños de Narón. O Alcalde de Narón reclama “unha mesa de diálogo e negociación cos concellos prexudicados polo aumento desproporcionado do canon que se debe pagar a Sogama polo tratamento dos residuos urbanos. A cooperación e a lealdade institucional son a chave que abre a porta á solución dun problema que non crearon os concellos e cuxos custes non poden recaer nos cidadáns”. “A solución non é tal se é inxusta, desproporcionada e imposta por unha parte e se considera como prioridade salvar o balance de contas da propia Xunta e blindar a marxe de beneficio da empresa privada que coxestiona Sogama. Non hai solución se se despreza o impacto negativo do aumento de taxas sobre os orzamentos municipais, mentres que se nos recomenda aos gobernos municipais que repercutamos a suba nos recibos que pagan os nosos veciños” asegura José Manuel Blanco no Bando Municipal. Como se recordará, a Xunta de Galicia ven de anunciar a suba do 34% do canon que 296 concellos teñen que abonar a Sogama polo procesamento do lixo, como consecuencia da reforma eléctrica e da retirada das bonificacións económicas ás enerxías renovables por parte do Goberno Central. Esta decisión provocou un déficit de 14 millóns de euros nas contas de Sogama, que obtén a metade dos seus ingresos coa taxa que cobra ós concellos polo tratamento de residuos e a outra metade da venda da electricidade que xera coa incineración de lixo na planta de Cerceda. A perda de beneficios na venda de enerxía e unha ineficiente xestión de Sogama xeraron o déficit, e a Xunta de Galicia agrava o problema cunha mala solución decidida de xeito unilateral. A suba do 34% do canon de Sogama suporá que o recibo que os concellos teñen que pagarlle pase de 61,5 € / tonelada a 82,1 € / tonelada.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal