Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CENTRO DE RECURSOS SOLIDARIOS REPARTÍU MÁIS DE 100 TONELADAS DE ALIMENTOS DURANTE O ANO PASADO
As instalacións están no Polígono de As Lagoas, onde se recollen as aportacións que despois se distribúen a través de Cáritas, Dignidad e Plataforma de Afectados pola Hipoteca.
Narón, 4 de Marzo de 2015.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, a Concelleira de Acción Social, Catalina García, membros da Corporación Municipal de Narón e representantes das ONG’S Cáritas e Dignidad e da Plataforma de Afectados pola Hipoteca (en calidade de entidades xestoras) realizaron hoxe unha visita á nave do Centro de Recursos Solidarios (CRS) de Narón, onde se recollen as doazóns de particulares, institucións e empresas con destino ás persoas máis necesitadas de Narón e comarca. O CRS está situado no polígono de As Lagoas (rúa Camiño do Toraldo, nº3) e ven funcionando como almacén dende finais do ano 2012. Actualmente abre as súas portas de martes a xoves, de 9:00 a 12:30 horas. Neste horario realízase a recollida de alimentos, roupa, mobiliario e todo tipo de obxectos (material escolar, cadeiras de rodas e de paseo, utensilios de cociña) que sexan de utilidade. Posteriormente, as doazóns repártense entre Cáritas (que distribúe a través das parroquias), Dignidad e a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (nos seus locais). O Alcalde de Narón indicou que “é lamentable ter que seguir abrindo dispositivos coma este, pero as necesidades son moitas e as administracións temos que colaborar e seguir reivindicando a mellora da economía. Neste contexto tamén temos que destacar que neste período de tempo tense atendido a máis de 2.000 familias”, asegurou José Manuel Blanco. “Queremos aproveitar a oportunidade para agradecer a solidariedade do pobo de Narón e das entidades colaboradoras co Centro de Recursos, pois sen eles non sería posible o seu mantemento. No ano pasado fumos quen de repartir máis de 100 toneladas de alimentación, ademáis de produtos de hixiene, roupa e outras necesidades que teñen as familias. E sen este dispositivo, sería imposible” destacou a Concelleira de Acción Social, Catalina García, asegurando que “seguiremos a impulsar e mellorar o Centro de Recursos e buscar outras aportacións”. O responsable de Cáritas en Narón, José Manuel González , quixo agradecer ó Concello de Narón, a Dignidad e á Plataforma de Afectados pola Hipoteca o terse unido a este proxecto “no que todo o mundo está tratando de sumar e optimizar os recursos. Agardemos que esto poida facilitar a vida das familias de Narón e comarca”. “Queremos dar as grazas ó Concello de Narón, porque temos visto un sentido de responsabilidade, cooperación e compromiso, e tamén ó resto das entidades colaboradoras porque é un pracer traballar con eles. Non queremos competir senón traballar dende a igualdade, e estamos a conseguilo” indicou a presidenta de Dignidad, Lola Romero. “Dende a Plataforma de Afectados pola Hipoteca queremos dar as grazas ás entidades que integran o Centro de Recursos Solidarios, por ter dado ás familias con poucos recursos a posibilidade de ter unha vida digna e que se sintan persoas” declarou Mª del Carmen Ponce. Asimesmo, os presentes quixeron facer un agradecemento público á figura de Angel Galdo, un voluntario que dedica o seu tempo libre a recoller e xestionar as aportacións que se reciben no CRS.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal