Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA PARTICIPAR NO OBRADOIRO "PRENDE NO COLO"
O programa contén numerosas actividades dirixidas a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos e ás súas familias
Narón, 10 de setembro de 2015. A Concellería de Educación, dirixida pola edil Mercedes Taibo, organiza a actividade “Prende no colo”, incluída na campaña de Apego a través do Servizo de Normalización Lingüística. A convocatoria, que terá lugar o vindeiro 25 de setembro –ás 18.00 horas- nas instalacións da Biblioteca Municipal do Alto, consiste nun obradoiro didáctico dirixido a nais e pais con crianzas de entre 0 e 3 anos. O Concello mantén aberto o prazo de inscrición, polo que as persoas interesadas poden anotarse gratuitamente no Servizo de Normalización Lingüística de Narón, no quinto andar da Casa do Concello. Para obter máis información sobre esta actividade poden chamar ao número de teléfono 981 337 700 (ext.1516), ou dirixirse ao correo electrónico: a.pita@naron.es ou á web: www.apego.gal. O número de prazas está limitado a vinte nenos ou nenas, con un acompañante, cubriranse por rigorosa orde de inscrición e terán preferencia as familias xa adheridas á campaña de Apego. A convocatoria ten unha duración aproximada dunha hora, un tempo no que os pais e nais poderán poñer en práctica coas súas crianzas diferentes actividades, como cantos para nomear as diferentes partes do corpo, xogos cos dedos das mans, cantigas para aloumiñar, xogos no colo e en movemento ou outros para desenvolverse cos números, letras ou cos animais, entre outras propostas. O músico, bailador e investigador Luís Prego, fundador do grupo O Fiadeiro e membro do grupo folk Ardentía e autor dos libros “Xogos bailados” e “Xogos musicais”, será o encargado de informar aos asistentes, e estará acompañado polo tamén músico Samuel Souto. “Prende no colo” é unha actividade entre cuxos obxectivos está achegarlles ás familias material da tradición oral, da lingua e da música galegas para que os poidan utilizar cos nenos e nenas. “Trátase dunha xornada pedagóxica que combina á perfección a parte didáctica coa lúdica”, tal e como apuntou a concelleira de Ensino e Bibliotecas de Narón, Mercedes Taibo. A edil naronesa avanzou que nos vindeiros meses se convocarán novas actividades enmarcadas na campaña de Apego, “para contribuír desde o Concello de Narón á súa aposta pola socialización en galego desde a primeira infancia”, subliñou. Entre estas actividades atópanse, no mes de outubro, o espectáculo musical “Unha viaxe polo mundo”, no que as Maimiñas animarán tanto a público infantil como ás súas familias, e obradoiros de recursos didácticos en lingua galega. Mercedes Taibo anima ás familias ás que se dirixe o obradoiro didáctico “Prende no colo” a participar na convocatoria, e tamén incide na importancia de adherirse á campaña de Apego á veciñanza con fillos e fillas de entre 0 e 6 anos para poder anotarse nas actividades que no marco desta iniciativa se convocan ao longo do ano desde o Concello de Narón.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal