Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO MANTÉN ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN EN DOUS PROGRAMAS FORMATIVOS MUNICIPAIS DIRIXIDOS AO ALUMNADO E ÁS SÚAS FAMILIAS
As sesións ofertadas a través de "Promedex 6" e do programa de "Recursos Educativos de Apoio á Escola" desenvolveranse en horario extraescolar e lectivo, respectivamente
Narón, 7 de outubro de 2015. O Concello de Narón mantén aberto o prazo para inscribirse no “Programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola”, vixente para o actual curso escolar e destinado, en función das diferentes actividades contempladas no programa, a alumnos de Ensinanza Secundaria Obrigatoria, educación Primaria, educación Infantil e Bacharelato de todos os centros educativos de Narón. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que se trata dunha proposta lúdico-formativa que se realiza durante o horario lectivo nos propios centros ou nas instalacións de Aldea Nova ou da Área Medioambiental Río Xuvia-Pedroso, en función da actividade. “Esta iniciativa permite ao alumnado adquirir coñecementos relacionados con diferentes materias e incluso culturas e fomentar a súa responsabilidade social e ambiental, ao tempo que contribúe a promover valores e traballar a autoestima”, apuntou a edil de Ensino. Os centros educativos interesados en solicitar estas actividades poden facelo ao longo do curso no Servizo Sociocomunitario Municipal –no primeiro andar do Concello-, se ben o desenvolvemento das mesmas está condicionado á opción elixida, xa que se imparten en diferentes meses do ano. As actividades ofertadas desde o Concello –a través do Servizo Sociocomunitario- agrúpanse nas áreas Medioambiental; de Educación para a Saúde; Igualdade, Solidariedade Internacional; Coñecemento do Entorno e Participación Cidadá. As actividades programadas nesta última consisten en visitas ao Concello, a Biblioteca Municipal, o Centro Comunitario “Manuela Pérez Sequeiros” e o Pazo da Cultura, se ben as restantes se desenvolven nas aulas dos centros que as solicitan ou nas instalacións de Aldea Nova ou da Área Medioambiental Río Xuvia-Pedroso. A concelleira de Ensino de Narón, Mercedes Taibo, recordou ademais que o Concello de Narón faise cargo, en caso de solicitalo, do cen por cento dos gastos de desprazamento do alumnado cando sexa necesario saír dos centros para participar nas actividades do “Programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola”. O Concello de Narón mantén aberto ata o venres, día 9, o prazo de inscrición –tamén no Servizo Sociocomunitario Municipal- no Programa de Educación Extraescolar “Promedex 6”, con actividades dirixidas ao alumnado de educación Primaria e Infantil e tamén para os de ESO e Bacharelato. Entre a oferta para o primeiro colectivo están os obradoiros “Xogolinguas”; “Reforzatic” e “Xogo Popular”, se ben se ofertan outros de “Xogo Popular; “Arte e Cultura Urbana” e “Canción Xuvenil” para os de ESO e Bacharelato. Así mesmo, contémplase unha actividade pensada para que os adultos participen cos alumnos e alumnas: as “Escolas de Familia”, unhas sesións pedagóxicas nas que se abordan varios temas de actualidade, como o control de estrés, o acoso escolar, bulling, etc. A edil naronesa anima tanto aos pais e nais de alumnos como ás direccións dos centros educativos da localidade a solicitar estas actividades pensadas para o horario escolar e extraescolar porque, dixo, “todas elas permiten aos participantes ampliar os seus coñecementos en materias moi específicas, buscando a parte pedagóxica e formativa pero tamén a lúdica”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal