Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO COLABORA COA ASOCIACIÓN DE COMERCIO DE NARÓN NUNHA CAMPAÑA DE OUTONO
A iniciativa, que inclúe varios sorteos, comezará o 19 de outubro e prolongarase ata o 15 de novembro
Narón, 15 de outubro de 2015. O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, e Eva Pena, integrante da directiva da Asociación de Comercio de Narón, presentaron a campaña “Chegar, e encher”, dirixida ao sector e que comezará o 19 de outubro e rematará o 15 de novembro. Villamar subliñou a calidade do comercio local e animou á veciñanza a sumarse a esta iniciativa, realizando as súas compras nos establecementos adheridos, un total de 26 polo momento. O goberno local colabora nesta campaña “para manter a aposta que vimos realizando desde o Concello de Narón polo sector do comercio, importante desde o punto de vista económico, de creación de riqueza e postos de traballo, pero tamén para facer unha cidade dinámica”, tal e como apuntou Villamar. A Campaña de Outono inclúe unha serie de actividades e concursos durante as catro semanas de duración da convocatoria. Así o explicou Eva Pena, ao anunciar que se sortearán semanalmente dous vales de 50 euros entre as persoas que compren –o gasto debe ser superior a 20 euros- nas tendas de barrio que se sumen a esta iniciativa. Este sorteo realizarase os venres, durante as catro semanas de duración da proposta, tendo lugar o primeiro o vindeiro día 23. Os clientes recibirán unha papeleta tralas súas compras que deben cumplimentar cos seus datos e chamarase por teléfono aos gañadores. Así mesmo, a Asociación de Comercio de Narón invitará a castañas á súa clientela durante este período, entregándolle un vale canxeable nun posto que cada venres se ubicará nun punto diferente da localidade, percorrendo así os barrios da Gándara, Santa Icía, Xuvia e Freixeiro. A Campaña de Outono inclúe un concurso de selfies dirixido tamén á clientela, que consistirá en realizar un selfie no establecemento participante amosando o ticket de compra, o cartel ou o escaparate do comercio, de forma que se recoñeza, subindo posteriormente a imaxe ao grupo de Facebook “Comercio de Narón”. O premio será un vale de 50 euros para a persoa gañadora. Por último, a campaña tamén inclúe a venta de paraugas co logotipo da Asociación de Comercio de Narón. Trátase de unidades limitadas -25 en total- que terán un prezo de seis euros. As persoas que adquiran os paraugas participarán nun novo sorteo, neste caso dun vale de compra por importe de 100 euros a canxear como mínimo en dous establecementos adheridos. Este sorteo realizarase unha vez que se esgoten os paraugas dispoñibles. Eva Pena agradeceu as axudas e o apoio prestado polo Concello de Narón ao comercio local e explicou que na páxina web: www.comerciodenaron.es poderán inscribirse os comercios locais que queiran sumarse a esta iniciativa, ou ben chamando á Asociación de Comercio de Narón, ao número de teléfono 981 944 828. Establecementos adheridos Os locais comerciais que participan na campaña estarán correctamente identificados cos pertinentes carteis. Polo momento están adheridos a esta Campaña de Outono: Calzados Mara, Óptica Valero, Mi Nené, Lazos, Rocío Rodríguez, A tenda de Sara, Mari Josi Mercería, Ferretería Faísca, Artesanía Loxe, Perfumería Ébano, Alain Afflelou, Bioreona, Sikma Diseño, Casa Sindo, Punto PC, Crea-Led, Cosmygan, Mónica Cereijo, Temadi, Tirahilos, Juguetería y deportes Galicia, Librería Galicia, Bikeworks, Yedra Decoración, Psicotécnico Abeiro e Glomar Decoración.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal