Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ÉXITO DE PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
Un total de setenta e sete persoas percorreron a pé o itinerario deseñado baixo o lema "Camiñando polos carrís bici", entre A Gándara e Xuvia
Narón, 22 de novembro de 2015. A primeira das andainas programadas polo Concello de Narón a través da iniciativa “Ponte en ruta con nós” –a través do Padroado de Deportes- foi todo un éxito de participación. Un total de setenta e sete persoas asistiron á cita, que partiu ás dez da mañá das inmediacións do polideportivo municipal da Gándara. “Camiñando polos carrís bici” foi a proposta coa que se inauguraron estas andainas, e que permitiu aos participantes percorrer un tramo de case oito quilómetros entre A Gándara e Xuvia. O concelleiro de Deportes, Román Romero, valorou a gran aceptación que tivo a convocatoria, e subliñou o feito de que “con esta actividade poderemos percorrer a pé e coñecer diferentes puntos do municipio naronés de aquí a xuño do vindeiro ano, no que é unha aposta municipal por ofrecer á veciñanza unha actividade deportiva e á vez, practicar o sendeirismo no medio natural”. Desde o pavillón da Gándara os camiñantes partiron cara á avenida do Mar en dirección á ensenada da Gándara e dirixíronse desde alí ata o mosteiro do Couto. Tras chegar ás inmediacións do cenobio continuaron a andaina polos sendeiros da zona ata o núcleo urbán e desde a rúa Irmandade foron ata o paseo marítimo de Xuvia. O percorrido rematou nas inmediacións da ponte que separa os termos municipais de Narón e Neda. Os setenta e sete participantes dividíronse en dous grupos –atendendo ao ritmo de cada un deles- e estiveron acompañados no seu percorrido por un equipo de voluntarios de Protección Civil de Narón. Unha vez no paseo de Xuvia, ataviados cos chalecos reflectantes que lles entregaron como agasallo e tras unha parada para avituallamento, un autobús recolleu ao grupo –en dúas viaxes, debido á elevada asistencia- e levouno de volta ata o pavillón polideportivo da Gándara. A vindeira das rutas programadas no marco da iniciativa “Ponte en ruta con nós” terá lugar o vindeiro domingo, día 27. “Pola ribeira de Xuvia” é o lema da cita, que comezará tamén ás 10.00 horas. Os asistentes percorrerán un tramo duns once quilómetros –nunhas dúas horas e media de duración estimada- e desde o pavillón da Gándara irán en autobús ata a rotonta de Megasa, de onde partirá e onde rematará o traxecto. Unha vez finalizado, o autobús levaraos novamente ata o citado polideportivo. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo no pavillón polideportivo da Gándara ata o xoves anterior a cada unha das convocatorias –que serán sempre un domingo ao mes ata xuño de 2016- en horario de 09.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30. O prezo de cada unha delas é de tres euros, cantidade coa que se abonan os gastos do desprazamento en autobús. Os asistentes –os menores de 18 anos deben ir acompañados dun adulto- teñen que estar no punto de saída de cada ruta vinte minutos antes do inicio da mesma. As convocatorias tan só se suspenderán no caso de que a Axencia Estatal de Meteoroloxía declare alerta laranxa ou vermella. O edil de Deportes de Narón animou á veciñanza a participar neste tipo de actividades “pensadas para persoas de diferentes idades e para fomentar o exercicio físico e os hábitos de vida saudables entre a poboación”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal