Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ANALIZA A VIABILIDADE DE COLABORAR COAS AUTOESCOLAS PARA IMPARTIR CURSOS DE SEGURIDADE VIAL
O equipo de Seguridade Vial de Narón encargaríase de concienciar aos alumnos das autoescolas sobre o perigo de conducir baixo os efectos de drogas ou alcol
Narón, 19 de xaneiro de 2016. A concienciación da poboación en xeral e dos escolares e condutores noveis en particular é un dos obxectivos do programa que o equipo de Seguridade Vial do Concello de Narón está a impulsar en diferentes centros desde hai anos e que días atrás se levou a cabo na autoescola Ruta 24-Cofepa. “Cando só un pouco máis é perigoso” é o título desta actividade que, tal e como explicou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, consiste en “impartir unha charla aos alumnos dos centros e, neste caso, das autoescolas, sobre os perigos do consumo de drogas e alcol e os seus efectos na condución”. O edil naronés recordou que esta actividade se pretende impartir nos vindeiros meses noutras autoescolas e subliñou a importancia da mesma “tanto a nivel teórico como práctico porque permite aos participantes, a través dos medios de que dispoñemos, incrementar a percepción do risco utilizando unhas lentes que alteran a visión ao simular diferentes equivalencias de niveis de alcol en sangue”. Co fin de levar este tipo de formación ao alumnado das autoescolas, xa se iniciaron conversas cos cinco centros ubicados na localidade, que colaborarían co Concello impartindo sesións de actualización nos centros educativos e de persoas maiores, entre outros. Os integrantes do equipo de Seguridade Vial do Concello, Pedro Caneiro, Sonia López e Simón Cabarcos son os encargados desta iniciativa. Hai tan só uns días impartiron a parte teórica desta actividade a un grupo de persoas matriculadas na autoescola Ruta 24-Cofepa e despois trasladáronse ao paseo de Xuvia para, nunha zona acondicionada para tal fin, realizar as prácticas. Unha vez alí os alumnos colocaron gafas con equivalencias de taxas de alcol en sangue de entre 0,6 e 0,8 g/l (sensación de tomar tres ou catro copas, según a persoa); de 0,8 a 1,5 g/l (entre catro e cinco copas) e de 1 a 1,7 g/l (de catro a seis copas). Coas gafas postas, os alumnos da autoescola tiveron que realizar diferentes manobras e sortear obstáculos, unha tarefa que se complicou para eles a medida que se incrementaba a graduación. “Con estas gafas altérase totalmente a visión e complícase a condución á hora de calcular as distancias ou coa existencia de obstáculos, por exemplo”, indicou o edil de Seguridade. Hai varios anos que esta mesma iniciativa se leva a cabo con alumnos de educación Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, cos que traballa durante o ano o equipo de Seguridade Vial do Concello de Narón. “Sabemos que a concienciación é un dos pilares fundamentais para que neste caso os condutores noveis coñezan o perigo que supón o feito de poñerse ao volante baixo os efectos do consumo de alcol ou de drogas”, apuntou Sánchez Fojo, que avanzou que “desde o Concello seguiremos traballando nesta liña para tratar de chegar á maior cantidade de xente posible para evitar calquera posible situación de risco derivada deste tipo de casos”. O Concello de Narón recibiu varios recoñecementos polo programa de Seguridade Vial, un deles a nivel nacional. No ano 2014 o alcalde, José Manuel Blanco, desprazouse a Madrid para recoller, de mans do presidente do Senado, Pio García Escudero, o galardón á “Mellor acción de Seguridade Vial”, outorgado pola Plataforma Cidadá de Seguridade Vial “Ponle Freno Antena 3 TV”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal