Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNS 1.500 ESCOLARES ASISTEN NO PAZO ÁS REPRESENTACIÓNS DO ESPECTÁCULO "2021: UNHA ODISEA NA TERRA"
Alumnado de segundo curso da Escola de Formación de Actrices e Actores do Padroado da Cultura do Concello de Narón protagoniza este espectáculo, escrito e dirixido polo actor e director naronés José Prieto e que conta coa colaboración do equipo de Educación Viaria do Consistorio
Narón, 19 de abril de 2016. O Pazo da Cultura de Narón acolle desde o día 18 deste mes unha serie de representacións da obra “2021: Unha odisea na Terra”, dirixida ao alumnado de centros de ensino do municipio e da comarca. O martes 19, foi o turno de estudantes dos colexios da localidade Jorge Juan, Virxe do Mar e Ayala –de terceiro a sexto curso- que a partir das 10.15 horas acudiron a ver o espectáculo. A vicepresidenta do Padroado da Cultura e concelleira da área, Marián Ferreiro, apuntou que un total de 1.472 rapaces e rapazas presenciarán estas representacións, programadas ata o vindeiro 26 de abril. “Esta actividade supón unha magnífica oportunidade tanto en materia didáctica para os espectadores e espectadoras como para o alumnado da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores do Padroado da Cultura de Narón, que leva á práctica ante o público os seus coñecementos en materia teatral”, explicou Ferreiro. “2021: Unha odisea na Terra” é unha comedia de aventuras sobre os problemas causados pola contaminación ambiental e coa que se tratan de impulsar boas prácticas persoais e sociais sobre o coidado do medio e a educación en valores. Trátase dun texto do actor e director naronés José Prieto, producido pola Escola de Teatro do Padroado da Cultura e que representan estes días alumnos e alumnas de segundo curso. Nesta ocasión colabora no espectáculo o Grupo de Educación Viaria da Policía Local de Narón, ao estar inspirado nas actividades que desenvolve ao longo do ano o colectivo. As representacións continuarán ao longo desta semana con nenos e nenas dos colexios da Solaina, Piñeiros e San Sadurniño –o mércores 20 a partir das 10.45 horas-; do Feal –o xoves desde as 10.15-; e da Solaina –día 22 a partir das 11.15- e tamén a vindeira semana con alumnado da Gándara, do CRA e de centros escolares de Valdoviño e Neda –o luns irán ao Pazo os da Gándara ás 10.15 e o martes os dos restantes centros a partir das 11.15 horas-. Na xornada inaugural presenciaron o espectáculo rapaces e rapazas dos colexios Santiago Apóstol e Ponte de Xuvia. Ferreiro asegurou que o Padroado da Cultura de Narón continuará respaldando este tipo de actividades e anunciou que proximamente terán lugar novas propostas dirixidas aos menores nesta mesma liña. A concelleira naronesa destacou o traballo da Escola de Formación de Actores e Actrices de Narón e, en canto ao espectáculo “2021: Unha odisea na Terra”, recordou que está incluído nos circuítos culturais da Deputación da Coruña e que pechará a xira en maio de 2017, podendo solicitarse de cara ao vindeiro curso porque para o actual, apuntou, xa non quedan datas dispoñibles.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal