Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O MUNICIPIO ACOLLERÁ A PARTIR DO 23 DE MAIO OS ACTOS DA "SEMANA DA MOBILIDADE E SEGURIDADE VIAL"
O Concello deseñou un completo programa con varias actividades dirixidas a diferentes colectivos e que terán lugar en varios espazos da cidade
Narón, 20 de maio de 2016. O Concello de Narón inaugurará o vindeiro luns, día 23, os actos da "Semana da Mobilidade e Seguridade Vial", que se desenvolverán ata o venres, día 27, en varias ubicacións do municipio e rematarán a o domingo, coa clausura do “I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón” que se iniciará o día 28. O edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, presentou as diferentes propostas acompañado por dous dos integrantes do equipo de Educación Vial do Concello de Narón, Sonia López e Simón Cabarcos. A inauguración dos actos terá lugar o luns 23 ás 10.00 horas no Pazo da Cultura. A continuación, o médico Carlos Piñeiro impartirá un “Taller para maiores” a partir das 10.30 sobre hábitos de vida saudables e ás 12.00, tras un descanso, comezará un taller teórico práctico sobre “Medidas de autoprotección na vivenda”, impartido polo equipo de Emerxencias Narón. De 10.30 a 12.30 haberá “Parking day”, que se iniciará cunha exposición de traballos de persoal da Asociación Nosa Señora de Chamorro e que se desenvolverá toda a semana. Esta última proposta dos “Parking day” consiste na ocupación de parte do espazo reservado para os vehículos na vía pública para destinalo a diversas actividades: concertos, exposicións, etc. Habilitaranse en tres zonas na localidade, entre o luns e o xoves: na rúa 25 de Xullo, no parque fluvial do Río Freixeiro e na Praza da Gándara. O mesmo luns pola tarde haberá unha camiñata para maiores, con saída ás 17.00 horas do Pazo da Cultura ata o Mosteiro do Couto, onde terá lugar unha visita guiada pola construción antes de regresar ao Pazo. As persoas interesadas en participar deben anotarse nos centros de maiores e nas asociacións de Narón, podendo tamén facelo a través do Centro de Saúde de Narón (Carlos Piñeiro) ou da oficina de Educación Vial do Concello. Entre as 17.00 e as 18.30 habéra un novo “Parking day”, na Gándara, con clase de zumba. O parque de Educación Vial de Mapfre estará o martes e o mércores da próxima semana na Praza de Galicia, de 10.00 a 13.00 horas, con actividades educativas para nenos e nenas e tamén unha “Casa de evacuación” na que a Policía Local e Emerxencias Narón realizarán simulacros e amosarán as pautas a seguir ante posibles accidentes ou incendios nas vivendas. O mércores, os funcionarios do Concello visitarán tamén esa “Casa de evacuación”. O martes presentarase ás 18.30 horas no Pazo da Cultura o conto “Moucho e Cuquiña”, no que se narran unha serie de pautas a seguir en materia de educación viaria aos nenos e nenas de educación Infantil e Primaria, tal e como explicou Sonia López. Ao acto asistirán a edil de Cultura, Marián Ferreiro; a autora do libro; Paula Merlán e o ilustrador Antonio Seijas. A continuación, sobre as 19.00 horas e tamén no Pazo representarase a obra “2021: Unha odisea na terra”, dirixida polo naronés José Prieto e na que tamén colaborou o equipo de Educación Viaria de Narón. O mércores ás 8.00 horas comezará unha nova actividade, “Almorzo na rúa”, que inclúe un café ou chocolate de balde nas inmediacións dos colexios de Narón ou no Concello a todas as persoas que vaian a traballar ou ás clases camiñando ou en bicicleta. Ese día a Policía Local patrullará Narón en bicicletas cedidas polo Concello da Coruña, coincidindo coa celebración do Día da Bicicleta. O xoves dedicarase ás mulleres embarazadas, cunha charla sobre “Beneficios da matronatación” pola mañá e un taller sobre porteo de bebés e seguridade no automóvil e sistemas de retención infantil pola tarde. Para ambas actividades é preciso inscribirse, no primeiro caso na piscina da Gándara, no centro de saúde de Narón (matronas) ou no Concello, e para o taller nos dous últimos lugares. Pola tarde haberá un curso teórico práctico para acompañantes de transporte escolar no Auditorio municipal (con prácticas na Praza de Galicia), cuxos asistentes –xa se anotaron unhas corenta e cinco persoas- recibirán un certificado de asistencia., A tradicional Marcha Ciclista escolar, que alcanza este ano a súa novena edición, desenvolverase o venres pola mañá, a partir das 10.00 horas e o “Parking day” de pola tarde, de 17.00 a 20.00 en Freixeiro, clausurará os actos da Semana da Mobilidade e Seguridade Vial. O edil de Seguridade Cidadá animou á veciñanza a participar nestas convocatorias, formativas e, ao tempo, lúdicas en moitos casos, e pensadas para diversos colectivos. Así mesmo, Sánchez Fojo indicou que as persoas que desexen asistir ao “I Congreso Galego de Seguridade e Educación Vial Cidade de Narón” que se desenvolverá os días 28 e 29 de maio no Auditorio municipal poden aínda inscribirse, de balde, a través da páxina web: www.congresoeducacionvial.es.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal