Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CONSELLERÍA DE SANIDADE REMITE AO CONCELLO O CONVENIO PARA A CONSTRUCIÓN DO NOVO CENTRO DE SAÚDE
A administración local comprométese a abonar 1,4 millóns de euros en tres exercicios, para colaborar con cargo aos custes de execución, e o actual centro de saúde pasará a mans do Concello cando estean operativas as novas instalacións
Narón, 20 de maio de 2016. A Consellería de Sanidade remitiu ao Concello de Narón o modelo do convenio de cooperación entre o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e o Concello para a execución das obras de construción do novo centro de saúde da localidade. No documento alúdese á necesidade de “unir esforzos” entre ambas administracións para executar o tan demandado proxecto. O alcalde, José Manuel Blanco, anunciou que o documento se levará á Xunta de Portavoces do vindeiro día 23 de maio e ao pleno ordinario deste mes, o xoves día 26. O rexedor local subliñou que o documento “cumpre as expectativas que tiñamos no goberno local sobre o acordo e mantén a liña do abordado nas conversas mantidas nos últimos meses con representantes de Sanidade sobre esta actuación”. En virtude ao citado acordo o Concello comprométese a realizar os trámites precisos para a cesión ao Sergas da parcela na que se localizarán as instalacións, de algo máis de 6.000 metros cadrados e próxima á glorieta de Freixeiro. Así mesmo, o Concello dotará á superficie das infraestruturas necesarias e, pola súa banda, o Sergas aboará as taxas e impostos correspondentes, elaborará o proxecto técnico e encargarase de contratar e supervisar as obras con cargo ao seu propio orzamento. No apartado económico o convenio recolle unha achega por parte do Concello ao longo de tres exercicios de 1.460.353,95 euros para colaborar con cargo aos custes de execución das instalacións. Este ano aportará 100.000 euros, para os que xa se reservou unha partida orzamentaria específica; no exercicio de 2017 un total de 500.000 e no ano 2018 os 860.353,95 euros restantes. Unha vez comece a funcionar o novo centro de saúde, o Sergas entregará ao Concello libre de cargas o inmoble do actual centro de saúde da localidade, ubicado na rúa 25 de Xullo, tal e como se acordou entre ambas administracións. Blanco lamentou a demora que acumula o inicio dunhas obras “tan demandadas e necesarias na nosa localidade, cun centro de saúde que na actualidade é insuficiente para atender as necesidades da veciñanza de Narón, debido ao crecemento poboacional experimentado nos últimos anos”. O alcalde confía en que as obras se inicien canto antes unha vez asinado o documento e elaborado o proxecto, para poder poñer en marcha as instalacións á maior brevidade posible e incidiu en que “a pesar do retraso acumulado, hoxe temos que valorar o feito de alcanzar un acordo que, como sempre defendemos desde o goberno local, redundará no beneficio de todos os naroneses e naronesas”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal