Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A MOSTRA DE TEATRO INFANTIL E XUVENIL RETOMARASE EN OUTUBRO NOS MUNICIPIOS DE NARÓN E FERROL
O Padroado da Cultura de Narón organizou un ano máis esta iniciativa, que traerá ao Pazo da Cultura e ao Jofre a cinco compañías teatrais, tres delas galegas
Narón, 21 de setembro de 2016. Os edís de Cultura de Narón e Ferrol, Marián Ferreiro e Suso Basterrechea, respectivamente, presentaron no Concello de Ferrol, acompañados da edil de Mocidade da cidade naval, Saínza Ruíz, a Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil organizada polo Padroado da Cultura de Narón. A iniciativa alcanza este ano a trixésimo cuarta edición en Narón e destínase ao alumnado dos centros escolares de ambos concellos e doutras localidades da comarca. A proposta levará aos concellos de Narón e Ferrol a un total de cinco compañías de teatro, que representarán outras tantas obras, en corenta e oito funcións –trinta en Narón e as dezaoito restantes en Ferrol- entre os meses de outubro e decembro deste ano, tal e como apuntou a concelleira de Cultura de Narón. As representacións de Ferrol desenvolveranse no teatro Jofre, mentres que as de Narón terán lugar no Pazo da Cultura -a excepción das destinadas a alumnado das garderías, que serán nos propios centros xestionados pola administración local-. En total, preto de 10.000 rapaces e rapazas de ambos concellos poderán beneficiarse desta proposta cultural que é de balde para o alumnado, incluídos os desprazamentos. "O feito de colaborar nesta proposta supón un aforro conxunto duns 20.000 euros”, asegurou Ferreiro. A compañía Abrapalabra Creacións Escénicas abrirá esta mostra teatral en ambos concellos, coa obra "Memorias dun neno labrego". As representacións dirixiranse neste caso a alumnado de 3º e 4º de ESO e Bacharelato e serán os días 17 e 18 de outubro en Narón e o 19 e 20 en Ferrol. A continuación será o turno dunha compañía procedente da Escola de Teatro de Narón, Ghazafelhos, que estreará "Rubicundo" os días 24, 25 e 26 de outubro en Narón e o 27 e 28 en Ferrol, para alumnado de educación Infantil. No mes de novembro, os días 8 e 9, a compañía Gorakada representará "Moby Dick" en Narón e o 10 e 11 en Ferrol, para estudantes de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO; os días 16, 17 e 18 Talía Teatro porá en escena "Rosa caramelo e outras historias" en Narón e os días 14 e 15 dese mesmo mes en Ferrol e, por último, a compañía Teloncillo representará "Múuu" do 28 ao 30 de novembro e o 1 e 2 de decembro en Narón e o 25 de novembro en Ferrol para alumnado das garderías. O concelleiro de Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea, abordou a importancia de “retomar unha colaboración hai moitos anos perdida co veciño municipio de Narón, un concello cunha traxectoria no eido da cultura e do teatro que é a envexa do país, incluso do Estado”. “Empezamos con ganas de colaborar e de manter esta colaboración para sempre, porque para nós é algo novidoso, sobre todo no caso das representacións dirixidas ao alumnado das garderías, e constitúe unha iniciativa moi beneficiosa para ambos concellos”, apuntou. Pola súa parte, a concelleira de Cultura de Narón recordou que a colaboración entre Ferrol e Narón se retomou xa o pasado ano. Respecto á Mostra, dixo, “intentamos fidelizar ao público de menor idade, dándolle a oportunidade de ver diferentes espectáculos teatrais de balde para así poder manter esa afición”. En torno a 5.000 alumnos e alumnas de Narón acoden cada ano a esta convocatoria, á que tamén se convida desde a localidade aos municipios de Valdoviño, San Sadurniño, Neda, Mugardos, Ares e Pontedeume, desde donde cada ano asisten escolares, tal e como explicou Ferreiro. En conxunto, asegurou a edil, “uns 8.000 rapaces e rapazas acuden a esta Mostra teatral en Narón”. No que respecta aos nenos e nenas que non están escolarizados nas garderías naronesas, o Concello programa unha sesión no Café Teatro do Pazo da Cultura para todos aqueles que queiran presenciar a obra destinada á súa idade. A convocatoria representa ademais “unha firme aposta polas compañías teatrais galegas”, como recalcou a concelleira, que destacou que das cinco compañías que participarán este ano, tres son galegas. Por último, Saínza Ruíz subliñou que “a concellería de Cultura de Narón é punteira no teatro na comarca e no país”, e aludiu tamén á importancia da colaboración entre os dous concellos para “seguir apostando polo traballo en rede e polo aforro que supón en canto á xestión de fondos públicos, e neste caso, tamén por apoiar ás compañías teatrais galegas”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal