Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PLENO APROBA POR UNANIMIDADE A ADHESIÓN A UN CONVENIO DA FEGAMP E EMPRESAS SUBMINISTRADORAS DE ENERXÍA
A finalidade do acordo é protexer a persoas e familias en situación de urxencia social, tal e como se especifica no documento
Narón, 23 de febreiro de 2017. Na sesión plenaria iniciada esta tarde ás 19.00 horas aprobouse co voto favorable de todos os grupos da corporación local a adhesión do Concello ao convenio entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as empresas subministradoras de enerxía para a protección de persoas e familias en situación de urxencia social. A adhesión a este acordo implica a prestación de axuda a persoas e familias en situación de vulnerabilidade, tal e como se recolle no documento. O mesmo aconteceu coa proposta da adhesión á Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), sobre a que se interesou o Concello naronés e que se aprobou hoxe por unanimidade. Deste xeito, a administración local poderá contratar as obras, os servizos e os subministros que se oferten a través da citada Central, según os prezos establecidos nos pertinentes contratos ou acordos marco a subscribir entre a Central e as empresas adxudicatarias aos mesmos. Así mesmo, saíu adiante unha modificación do Inventario Municipal de Bens cos votos favorables de tódolos edís da corporación excepto o de ENE, que se abstivo, e aprobáronse por unanimidade as Bases de Execución do Orzamento de 2016, prorrogado ao 2017, e a proposta de nomeamento da Muller do Ano de Narón 2017, cuxo nome non se dará a coñecer ata o 8 de Marzo, coincidindo coa homenaxe oficial que se lle brindará, como é habitual, na celebración dos actos do Día Internacional das Mulleres. Tras dar conta dos informes de cumprimento de pago de obrigas e do período medio de pago a proveedores do cuarto trimestre de 2016, a corporación local someteu a aprobación o Marco orzamentario 2018-2020, obrigatorio a través da Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financieira, que saíu adiante cos votos favorables do tripartito naronés. No apartado de mocións aprobouse por unanimidade a presentada polo Grupo Mixto (EU) para facilitar á cidadanía afectada os trámites necesarios para a devolución das cláusulas solo, impulsando o establecemento, por parte do Concello dun dispositivo para asesorar e informar aos afectados e instar á Deputación a que colabore cos Servizos municipais que se creen na provincia. O grupo municipal do BNG presentou unha moción sobre os danos causados polos sucesivos temporais dos primeiros días deste mes de febreiro e as responsabilidades das compañías eléctricas subministradoras, que provocaron que milleiros de galegas e galegos quedaran sen luz durante máis de 48 e 72 horas. Os nacionalistas achacaron a situación ás deficiencias da infraestrutura da rede eléctrica e ao abandono das tarefas de mantemento, co que propuxeron instar ao goberno galego a avaliar de modo urxente os danos producidos en infraestruturas e servizos públicos e privados de diferentes sectores e a título particular. Rematado o debate sobre o asunto, votaron a favor todos os edís excepto os cinco do Partido Popular, que se opuxeron. A mesma postura mantiveron os concelleiros do PP na moción presentada polo PSOE sobre a “couza guatemalteca” e os seus efectos no cultivo da pataca, urxindo o resto dos grupos da corporación local ao Goberno central un Real Decreto que regule a plantación nas zonas delimitadas pola praga e instando á Xunta a habilitar unha partida para indemnizacións da campaña de erradicación, impulsar un Plan de Investigación Científica e outro informativo. Pola súa parte, o Grupo Mixto (ENE) presentou unha moción para instar ao Concello a crear un viveiro industrial de empresas municipal no polígono industrial de Río do Pozo ou no das Lagoas, que non saíu adiante. O alcalde amosou neste punto o seu total apoio aos emprendedores e emprendedoras e ao respecto recordou que o goberno local asinou varios convenios con empresarios do municipio por ofertar as súas instalacións aos emprendedores. O grupo de goberno –TEGA, PSOE e BNG- presentou unha moción para a conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, sobre a que se abstiveron os cinco edís do PP. Coa aprobación deste documento, acordouse solicitar á Xunta a promoción dun pacto galego contra a violencia de xénero que inclúa diversas medidas. Entre elas, apuntan: aumentar os recursos económicos destinados á prevención e á asistencia das vítimas de violencia de xénero e ás súas fillas e fillos; incluír o termo “feminicidio” na Lei galega 11/2007 para permitir o endurecemento das penas derivadas desta lacra social; mellorar medidas xudiciais nesta área e desenvolver este ano medidas de coeducación nos centros educativos da comunidade. A última das mocións incluídas na orde do día presentouna o PP, solicitando que a Deputación da Coruña garanta que o Concello percibirá, como mínimo, a través do novo Plan Único, os mesmos fondos que recibía coas liñas de subvención que existían anteriormente. Sobre este último apartado, o rexedor local, José Manuel Blanco, recalcou que nos “anos escuros” da Deputación da Coruña, entre 2011 e 2015 (gobernada polo PP), “a única axuda clara era o POS”. O rexedor local foi máis alá e aclarou, respecto ás liñas de axudas concedidas nese período, que “todos os clubes de Narón asinaron un documento porque lles rebaixaron un 72% as axudas. O 55% do baremo respondía a cuestións políticas e o 45% restante ás técnicas, sendo estas últimas as únicas que casualmente cumprían os clubes naroneses”. Na actualidade, subliñou Blanco Suárez, “os acordos cos clubes están todos publicados e responden a un baremo establecido, e o que todos e todas queremos é que os veciños e as veciñas de Narón reciban as maiores axudas posibles”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal