Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO HOMENAXEOU A ROSALÍA DE CASTRO CON ACTOS NA BIBLIOTECA E NO PAZO DA CULTURA
Lectura de textos da recoñecida poeta galega do século XIX, agasallo de caraveis por mercar ou levar prestados da Biblioteca libros en galego, unha proxeción e a presentación dun libro do fotógrafo galego Xurxo Lobato completaron a xornada do 24 de febrero, Día de Rosalía de Castro
Narón, 24 de febreiro de 2017. A Biblioteca municipal acolleu, a partir das 12.00 horas, o primeiro dos actos organizados polo Concello para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, coincidindo co 180 aniversario do nacemento da poeta galega. A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, iniciou o evento dando a benvida a todas as persoas que acudiron á convocatoria, e, de xeito especial, á convidada de honra deste ano, Flor Maceiras, actriz e directora da Escola de Formación de Actrices e Actores do Padroado da Cultura de Narón. Foi precisamente Maceiras quen leu o manifesto que a Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega redactou para a xornada de hoxe, tal e como recordou Taibo. Ao acto acudiron o alcalde, José Manuel Blanco, representantes de varios partidos da corporación local e tamén de entidades veciñais da localidade. A edil de Bibliotecas destacou a figura de Rosalía de Castro, “a escritora máis representativa da lingua e literatura galegas” e recordou que o seu libro Cantares Gallegos foi “o primeiro escrito integramente no noso idioma e sinala o inicio da restauración do uso escrito do galego e o final dos séculos de silencio e esquecemento”. O traballo de Rosalía en defensa da lingua galega foi outro dos aspectos resaltados por Taibo sobre esta poeta galega do século XIX. A continuación, foi Flor Maceiras a encargada de dar lectura ao manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Unha emocionada Flor Maceiras comezou a lectura do documento, no que se ensalzaba a figura de Rosalía, “como unha muller do século XIX que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide”. “Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forma dun país que respira cultura por cada fenda”, reza o manifesto, que apela a unha Rosalía “insubmisa e valente” e “que quedaría afónica de solicitar hoxendía unha maior presenza de Galicia nos colexios, na rúa, na vida”. A primeira das lecturas de textos de Rosalía que se levou a cabo na Biblioteca municipal correu a cargo do alcalde, José Manuel Blanco, que elixiu para a ocasión dous textos: “Vendéronlle os bois” e “Negra Sombra”, de Follas Novas. Tamén leron textos os portavoces municipais de Terra Galega, Marián Ferreiro; do PSOE, Catalina García, e do BNG, Pablo Villamar, entre outros edís e representantes de entidades, así como persoas a título particular. Ao remate das lecturas os participantes levaron como agasallo un caravel vermello e un exemplar do libro “Quen fora pedra”, editado pola Deputación da Coruña. Tamén se repartiron caraveis vermellos en recordo da recoñecida poeta galega entre as persoas que levaron prestados da Biblioteca libros en galego e en sete librarías locais –Albatros, Contos, Cousas, Day, Galicia, Nany e Nova- nas que a clientela mercou libros en galego. Os actos programados desde o Concello con motivo do Día de Rosalía de Castro continuaron pola tarde, no Café Teatro do Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas. A concelleira da área, Marián Ferreiro, presidiu o acto, que consistió nunha proxección a cargo do prestixioso fotógrafo coruñés Xurxo Lobato sobre Rosalía de Castro e na presentación dun libro escrito por el sobre a poeta galega, titulado: “Airiños Aires Rosalía” e que fai un completo repaso pola súa traxectoria persoal e profesional. Ferreiro agradeceu de antemán a presencia de Lobato neste acto conmemorativo e tamén de recoñecemento á figura de Rosalía de Castro. No evento desenvolvido durante a mañá, a concelleira de Cultura tamén destacou a adhesión do Concello de Narón á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, xa no ano 2012, declarando oficialmente o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. “É precisamente esta adhesión o compromiso do noso Concello coa cultura galega, fomentando a nosa identidade como galegas e galegos e impulsando actividades encamiñadas a manter viva a nosa historia. Unha historia pola que tanto loitaron, entre outras, mulleres como Rosalía de Castro”, subliñou Ferreiro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal