Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NOS OBRADOIROS DE ARTE FLORAL CONVOCADOS POLO PADROADO DA CULTURA CON MOTIVO DA FESTIVIDADE DOS MAIOS
Os obradoiros desenvolveranse en Piñeiros e no Val e as persoas interesadas en participar deben anotarse esta semana no Pazo da Cultura ata esgotar as prazas existentes
Narón, 1 de abril de 2017. O Padroado da Cultura de Narón abre o luns 3 de abril o prazo para anotarse nos Obradoiros de arte floral que, con motivo da celebración da festividade dos Maios, se convocaron nas parroquias do Val e de Piñeiros. A vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, explicou que esta actividade é de balde e incidiu en que as prazas dispoñibles, quince por cada unha das convocatorias, se cubrirán por rigurosa orde de inscrición. A presentación destes dous obradoiros será durante a segunda semana de abril, e terán lugar o mércores en Piñeiros e no Val nun día aínda por determinar, en horario en ambos casos de 17.00 a 19.00. “Desde o Padroado da Cultura de Narón apostamos un ano máis por fomentar a tradicional festividade dos Maios, organizando nesta ocasión estes dous obradoiros, un na zona urbana e outro na rural, para implicar á veciñanza nesta convocatoria, coa que se festexa a chegada da primavera”. As persoas interesadas en anotarse nos citados obradoiros poderán facelo desde o 3 ata o 7 de abril –este último día só pola mañá- nas oficinas do Pazo da Cultura, en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 (este último horario só de luns a xoves). Así mesmo, a vicepresidenta do Padroado explicou que ao igual que en anos anteriores, se convocaron obradoiros dirixidos específicamente aos escolares de Narón. “Alumnado de educación Infantil e de primeiro e segundo curso de Primaria traballará desde a primeira semana do mes de maio nos seus centros escolares nunha serie de unidades didácticas para realizar con flores naturais as figuras coas que participarán na festividade do Día dos Maios que terá lugar o día 6 do citado mes en Narón”, avanzou Ferreiro. Inicialmente a previsión é realizar un maio por centro, aínda que en función da participación poderán elaborarse ata un máximo de dous. “Esta actividade ten moi boa acollida entre a comunidade educativa desta cidade, xa que cada ano participan nestes obradoiros que organizamos desde o Padroado nos colexios en torno a uns 1.400 rapaces e rapazas”, recordou Ferreiro. Así mesmo, explicou que “os escolares, a maiores de facer os seus maios, aprenden o significado desta festividade tradicional galega e tamén bailes e cantos típicos desa época do ano, inculcándolles a importancia de coñecer o significado desta celebración e tamén a necesidade de mantela viva entre as nosas tradicións”. A maiores, haberá un apartado específico para as entidades veciñais e culturais, coas que se está a traballar desde o Padroado da Cultura para promover a súa participación neste evento. “Temos confirmada a participación de varias entidades que forman parte do tecido asociativo do noso concello, e confiamos en que nos vindeiros días se sumen outros colectivos, dos que queremos valorar e aos que agradecemos o seu firme apoio a esta celebración dos Maios, así como a súa implicación nesta e noutras actividades impulsadas desde o Padroado da Cultura”, subliñou Ferreiro. Para calquera posible dúbida ou recibir máis información sobre estas actividades pódese chamar aos números de teléfono 981 391 144 ou 626 378 685, ou escribir á dirección de correo electrónico: d.canovas@naron.es.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal