Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PAZO DA CULTURA ACOLLEU A PRESENTACIÓN DA CAMPAÑA DIVULGATIVA DA RAZA AUTÓCTONA CAN DE PALLEIRO
Os representantes do Club Raza Can de Palleiro deron a coñecer un vídeo divulgativo sobre as cualidades desta especie para promocionala dentro e fóra de Galicia
Narón, 8 de abril de 2017. O presidente do Club Raza Can de Palleiro, Ernesto Fernández, presentou no Café Teatro do Pazo da Cultura o vídeo divulgativo da raza autóctona Can de Palleiro “ElPerroIdeal”. A convocatoria deu comezo ás 11.00 horas, e no transcurso da mesma o representante do citado clube deu a coñecer a iniciativa online cun vídeo gravado orixinalmente en castelán –para divulgar a raza fóra de Galicia-, e que posteriormente se doblou ao galego, ao ser desta comunidade a maioría dos socios do citado clube. Na actualidade, a raza de can de palleiro está en perigo de extinción, tal e como apuntaron. Á convocatoria asistiron, en representación do Concello naronés, o alcalde, José Manuel Blanco, a vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro e o edil Manuel Ramos. “Este traballo é a culminación dun proxecto da xunta directiva do Club Raza Can de Palleiro, porque vimos a necesidade de contar cunha tarxeta de visita que nos permitise presentar esta raza á poboación dun xeito agradable”, explicou Ernesto Fernández, que asegurou que “pareceunos que o mellor modo de facelo era a través deste vídeo”. A campaña promociónase como “ElPerroIdeal” ou “OCanIdeal” e aposta por destacar a capacidade do can de palleiro como animal de terapia e tamén como elemento socializador para menores e anciáns. Ao mesmo tempo, promociónase esta raza como multidisciplinar e equilibrada, incidindo no feito de que se trata dun can de familia “ideal”. A protagonista desta curtametraxe é unha nena uruguaia, de oito anos, descendente de galegos chamada Nahir. A menor ven a vivir a Galicia cos seus tíos tras morrer os seus pais e sométese a unha serie de cambios na súa vida aos que non logra adaptarse. Nahir obsesiónase con debuxar un can ideal que ninguén cre que existe máis alá da súa cabeza pero, finalmente, a nena recuperará o sorriso cun can de palleiro. Unha raza de cans “tranquilos, equilibrados, moi cariñosos cos nenos e nenas e que gozan correndo e tamén paseando”, tal e como se explicou no acto. Os representantes do Club Raza Can de Palleiro continúan traballando noutro vídeo, dunha duración maior e que terá unha orientación máis profesional, tal e como avanzou Ernesto Fernández. O presidente do clube agradeceu a colaboración prestada polo Concello de Narón, o Padroado da Cultura de Narón e a Escola de Teatro da cidade. As redes sociais xogarán un papel fundamental nesta campaña, tal e como indicaron os impulsores da mesma. Baixo o hashtag #ElPerroIdeal e #OCanIdeal –para as versións en castelán e galego, respectivamente- promoverase esta iniciativa do Club Raza Can de Palleiro. Este clube constituíuse no ano 2002 e na actualidade conta con máis de seiscentos exemplares de cans desta raza inscritos en Galicia e noutras comunidades españolas e tamén en países, como Portugal, Holanda, Brasil, etc. As persoas interesadas en recibir máis información sobre o clube poden consultar a súa páxina web: www.clubcandepalleiro.com ou o seu facebook: Club Raza Can de Palleiro. A campaña lanzouse nas redes unha vez rematado o acto de presentación oficial da curtametraxe.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal