Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MULLERES XITANAS REIVINDICAN O SEU DEREITO Á FORMACIÓN E Á IGUALDADE NOS ACTOS ORGANIZADOS POLO CONCELLO CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO
O salón de plenos e o Parque fluvial do Río Freixeiro acolleron a lectura de textos reivindicativos, do manifesto xitano e a tradicional Cerimonia do Río
Narón, 10 de abril de 2017. O salón de plenos do Concello de Narón acolleu esta mañá, ás 10.30 horas, o primeiro dos actos programados polo goberno local con motivo da conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, que se celebra cada 8 de abril. As edís de Acción Social, Catalina García, e Acción Social, Teresa Sabio, deron a benvida ás mulleres xitanas que acudiron á convocatoria, na que tamén estiveron presentes as concelleiras de Feiras e Mercados, Mar Gómez e de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, xunto con representantes do colectivo xitano de Narón. Sandra, Isabel, María, Salomé e Alba foron as encargadas de ler no salón plenario unha serie de reivindicacións das mulleres xitanas referentes á formación do colectivo. A necesidade de estudar e de estar en condicións de igualdade á hora de acceder ao mercado laboral centraron os textos que leron as mulleres, que destacaron a necesidade de que as súas familias as apoien neste tipo de decisións. Dúas das cinco mulleres que leron hoxe os textos participaron a modo de exemplo para o colectivo: Salomé Monteiro, de 23 anos e cun ciclo de Perruquería, un ano de formación en Estética e que actualmente está sacando o carné de conducir, e Alba Jiménez, de 17 anos, que rematou a ESO e cursa agora primeiro de Bachiller. Salomé explicou que o seu pai é delineante e a súa nai ama de casa. "“É moi importante que as mulleres sexamos independentes economicamente para poder cumprir os nosos soños.… O meu é ir a USA coas miñas amigas e visitar Los Ángeles, a miña cidade favorita”". Pola súa parte, Alba, cuxos pais traballan no mercado, avanzou que quere realizar, cando remate o Bachiller, un ciclo de Comercio. "“A maioría das mulleres que nos acompañades acudides ás sesións do Grupo de Xestión e organización familiar que se impulsa desde o Concello. É moi importante porque hai que traballar por unha integración e igualdade reais do colectivo no que a educación é fundamental, polo que vos pido que mandedes ao colexio aos vosos fillos e fillas"”, apuntou Sabio. Pola súa parte, García valorou tamén a importancia da cultura xitana “o dereito das mulleres xitanas a formarse”. Ao remate da lectura no salón de plenos as cinco mulleres que leron os textos reivindicativos e as asistentes que as acompañaban recibiron como agasallo unhas bolsas reutilizables do “Plan de Igualdade do Concello de Narón”, de cor verde, vermello e azul, en recordo da bandeira xitana. A continuación o colectivo desprazouse ao Parque fluvial do Río Freixeiro, para levar a cabo a Cerimonia do Río. Un grupo de nenas que acuden ás clases de apoio da Asociación Acción Familiar (AFA) –que leva o programa de minorías étnicas no Concello- leu tamén uns textos. Por último unha rapaza leu ante os presentes o manifesto do Día Internacional do Pobo Xitano deste ano, tirando ao remate da súa intervención ao cauce do río flores e pétalos en sinal de recordo das vítimas xitanas da II Guerra Mundial e do éxodo deste pobo polo mundo. Antes de dar por rematada a convocatoria, os representantes do colectivo cantaron o himno xitano, bailaron e tomaron un café xitano que prepararon no parque de Freixeiro, nunha pota na que misturaron auga fervida con café moído e azucre e que, tras deixar repousar uns minutos, degustaron as persoas que acudiron ao acto.
Descarga de archivos
Reivindicacións mulleres xitanas
Tamaño:341,18 KB

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal