Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O MUNICIPIO ACOLLEU TRES ACTOS EN RECORDO DAS PERSOAS REPRESALIADAS POLO RÉXIME FRANQUISTA
Os grupos municipais TEGA, PSOE, BNG e EU organizaron a convocatoria xunto coa Asociación Memoria Histórica Democrática
Narón, 21 de abril de 2017. O camposanto de San Mateo acolleu esta mañá, ás 11.30 horas, o primeiro dos actos programados para conmemorar o 86 aniversario da proclamación da II República en recordo das persoas represaliadas polo réxime franquista. O alcalde, José Manuel Blanco, participou nos tres actos programados –ademais de en San Mateo, no Val e xunto ao Pazo da Cultura- e tamén asistiron as portavoces municipais de TEGA, Marián Ferreiro e do PSOE, Catalina García, a concelleira do BNG Teresa Sabio e o edil de EU, André Abeledo, entre outros representantes do goberno local e tamén da Asociación Memoria Histórica Democrática. Na ofrenda floral de San Mateo, o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Antonio Martínez, explicou que están investigando no Rexistro Civil e que están aparecendo máis persoas que foron asasinadas e enterradas en San Mateo. Un dos presentes falou dun veciño da parroquia, Pedro López, e relatou a súa peripecia vital tras combater do lado da II República. No Val, xunto ao monolito do cemiterio tivo lugar, a partir das 12.00 horas, a segunda ofrenda floral. O presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática explicou que o ano que vén van publicar un estudo no que se lembrará ás persoas fusiladas en Narón. Un dos membros da citada asociación, Fernando Ocampo, leu un poema durante a convocatoria. Finalmente, ás 12.30 horas tivo lugar o último dos actos, que consistiu en deixar trece rosas vermellas xunto ao retoño da arbore de Gernika situado fronte ao Pazo da Cultura, en recordo das trece mulleres violadas e asasinadas e a modo de condena das represalias derivadas do réxime. O historiador e tamén representante da Asociación Memoria Histórica Democrática, Enrique Barrera aludiu neste último acto ao bombardeo de Gernika “un ataque premeditado á poboación civil que non debemos esquecer”, subliñou, recordando que o vindeiro mércores, 26 de abril, se cumprirán 80 anos dese bombardeo. Pola súa parte, o alcalde naronés, José Manuel Blanco, pechou os actos cunha intervención fronte ao Pazo da Cultura, incidindo na necesidade de ter presente na historia estes lamentables feitos co desexo de que non se volvan repetir. O rexedor local destacou tamén o papel das administracións, neste caso das locais, en canto a “concienciar á cidadanía para que non esqueza o que pasou co fin de que non se volva repetir, e tamén a modo de recordo das vítimas”. O alcalde agradeceu a labor da Asociación Memoria Histórica Democrática e ofreceu a colaboración do Concello neste tipo de iniciativas para que “non se repita nin o que aconteceu en Gernika nin sucesos como a Guerra Civil”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal