Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE 150 ESCOLARES DO CEIP PIÑEIROS PARTICIPARON NA RUTA INAUGURAL DO PROGRAMA CAMIÑO ESCOLAR SEGURO
O alumnado pode elixir entre dúas rutas deseñadas para ir a pé cara ao centro escolar, con puntos de encontro e tendas amigas ubicadas ao longo dos diferentes tramos
Narón, 8 de maio de 2017. A Concellería de Seguridade Cidadá e Transporte Público, dirixida polo edil Guillermo Sánchez Fojo, puxo esta mañá en marcha, a través do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, o programa municipal Camiño Escolar Seguro. O concelleiro naronés, e a edil de Ensino, Mercedes Taibo, acudiron hoxe á primeira das rutas cara ao colexio de Piñeiros, onde estiveron acompañados polo xefe da Policía Local, Eduardo Pita; un dos responsables do equipo de Educación Viaria do Concello, Pedro Caneiro, e axentes da Policía Local. Algo máis de 150 escolares do CEIP Piñeiros sumáronse a esta iniciativa, dirixida a alumnado de Infantil e Primaria, percorrendo a pé, en bicicleta ou en patinete –sós ou en compañía dos seus pais e nais ou doutros rapaces e rapazas que esperan nos puntos de encontro- as rutas deseñadas cara ao centro escolar. A ruta azul programada para o colexio de Piñeiros está indicada con sinalización horizontal (puntos de encontro e pegadas) e vertical (bandeirolas nas farolas) e parte no tramo “A” -790 metros e nove minutos- da rúa Álvaro Paradela, con puntos de encontro –onde se reúnen os participantes- nas rúas Miguel de Cervantes e Conde de Fenosa. O tramo “B” -925 metros e dez minutos- parte da rotonda de Megasa cara ao centro escolar e ten puntos de encontro nas inmediacións do supermercado Día e á altura da estrada do Feal. Ataviados cos chalecos deste programa, reflectantes, e co debuxo da súa mascota, “Pegadas”, os nenos e nenas partiron cara ao centro polas rutas indicadas. No tramo localízanse varias “Tendas amigas” (comercios e establecementos de hostalería que apoian a seguridade dos itinerarios), identificadas cunha pegatina, nas que se ofrece aos escolares axuda no caso de que sexa preciso e ás que desde o goberno local, así como ás familias, agradecen a súa implicación. A iniciativa conta ademáis coa colaboración de empresas da comarca e doutras integradas na Asociación de Comerciantes de Narón, que dispón dun completo programa de agasallos que se poderán obter canxeando os puntos obtidos polos nenos e nenas. Cada participante obterá unha “pegada” a modo de punto cada día que vaia camiñando ao colexio e poderán canxealos por descontos ou agasallos cedidos por diversos establecementos e que se poden consultar no enlace: http://www.comerciodenaron.es/paxinas/pegadas.php e que varían en función das “pegadas”, que deben ser un mínimo de quince e un máximo de 38. Colaboran tamén nos premios o Padroado da Cultura, da Concellería de Cultura, área presidida pola edil Marián Ferreiro, e a Concellería de Novas Tecnoloxías, dirixida por Natalia Hermida coa cesión de entradas para espectáculos no Pazo e unha partida para mercar agasallos para esta iniciativa, respectivamente. Pulseiras, mochilas, material de papelería, xoguetes, cortes de pelo, calzado e gafas de sol están tamén entre os regalos que poderán recibir os escolares que participen neste programa municipal. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, valorou a posta en marcha desta nova iniciativa, que o vindeiro curso se implantará noutros centros escolares da localidade. “Este tipo de programas fan que os nenos teñan unha maior autonomía e adquiran pouco a pouco unha serie de responsabilidades e condutas en materia de educación viaria que lles serán de moita utilidade no seu día a día”. Así mesmo, Taibo destacou a excelente acollida que tivo esta proposta, “á que se sumou practicamente o 80% do alumnado do CEIP Piñeiros”. Pola súa parte, o edil de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, destacou a cooperación entre a concellería que preside e as de Ensino, Novas Tecnoloxías e Cultura para a posta en marcha deste programa. O edil incidiu nas vantaxes que o programa Camiño Escolar Seguro, que se iniciou hoxe a modo de proba, supón en canto aos problemas que se rexistraban a diario cos vehículos nos accesos do colexio á hora da entrada e na necesidade de diminuír a inseguridade que existe ao respecto na actualidade. Sánchez Fojo recordou que esta proposta se suma ao programa “Bica e arrinca”, que se iniciou o pasado mes de xaneiro, e que se complementará co de “Estacionamentos de proximidade”, “tamén co obxectivo de evitar a aglomeración de vehículos ás portas dos centros escolares, co consecuente perigo que este feito supón para os menores”. O equipo de Educación Viaria do Concello ultima unha APP que permitirá aos participantes no programa Camiño Escolar Seguro utilizar dous “check points” a través dunha pulseira para acceder ao catálogo de agasallos e tamén mediante o que se poderá enviar aos pais e nais unha mensaxe ao móbil informándoos da chegada dos menores ao centro.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es