Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÚSICA E DEPORTES TRADICIONAIS, TEATRO E GASTRONOMÍA DARANSE CITA DO 28 AO 30 DE XULLO NO "XIX OENACH ATLÁNTICO"
A parroquia de Sedes acollerá un ano máis este recoñecido evento, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia pola Axencia de Turismo de Galicia no ano 2014
Narón, 5 de xullo de 2017. O Concello de Narón e o Padroado da Cultura organizaron a décimo novena edición do Oenach Atlántico de Sedes, en colaboración coa Asociación de Veciños “Rosa dos Ventos”, a Xunta de Galicia e Abanca. A cita, que presentou esta mañá o alcalde, José Manuel Blanco, acompañado pola edil de Turismo, Natalia Hermida, terá lugar os días 28, 29 e 30 de xullo no recinto do Trece, na parroquia de Sedes e inclúe unha gran diversidade de propostas encamiñadas, tal e como subliñou o alcalde, a “achegar o patrimonio cultural galego á cidadanía, fomentar o traballo comunitario e impulsar un evento que integra diferentes áreas do patrimonio e tamén cun marcado carácter interxeracional, como “lugar de encontro da comunidade”, signicado este último da palabra Oenach”. A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, explicou a programación deste ano, que comezará a desenvolverse ás 21.00 horas do venres 28 de xullo, co tradicional acendido de lumes. Unha hora máis tarde, ás 22.00, terá lugar a actuación dun dos cantautores galegos máis recoñecidos da música tradicional, Davide Salvado, no marco da Noite da Música Galiciana. Na xornada do sábado, a partir das 11.00 abrirán os postos participantes na Feira de Artesanía e no Mercadiño Artesán e a esa mesma hora iniciaranse unha serie de actividades lúdicas para nenos e nenas e nas que poderán participar tamén os maiores e ás 12.00 haberá unha exhibición da raza Can de Palleiro. O concerto de Pesdelán, a partir das 13.00 horas, marcará o inicio da sesión vermú do Oenach e ás 14.00 horas comezará o apartado gastronómico desta cita, que permitirá aos asistentes degustar algún dos menús que se prepararán nos postos de comida que habitualmente se localizan na zona da campa. Xa pola tarde a programación retomarase ás 16.00 horas, con sesións variadas de xogos populares e ás 17.00 será o turno do teatro, a cargo nesta ocasión da compañía Títeres Trompicallo, que interpretará a obra “Jiñol”. A partir das 18.30 horas haberá unha Parada etnográfica da música e o baile tradicionais na que actuará o grupo de música e baile tradicional Alxibeira, da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón. Ás 22.30 horas será a tradicional “Noite do castro”, unha recreación teatral a cargo da Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, na que participan unha trintena de veciñas e veciños. O domingo día 30 os postos reabrirán a partir das 11.00 horas, coincidindo co inicio da Carreira popular ao Castro de Eiravedra, cun percorrido duns cinco quilómetros e que é xa un dos clásicos desta cita festiva nesta parroquia de Narón. A proposta “Castro miúdo” ofertará actividades lúdicas para pequenos e maiores. Trátase de sesións de carácter lúdico e, ao tempo, didáctico, que faciliten aos máis pequenos a comprensión do contexto castrexo. Entre as propostas deste ano están un Photocall castreño, obradoiros de micro arqueoloxía e de vestido castrexo para crianzas e a construción dunha mini palloza, tal e como explicou Natalia Hermida. A programación da mañá continuará ás 13.30 cunha recreación teatral na Campa Castrexa, a cargo de veciñas e veciños da zona, e ás 14.00 será o turno do descanso para xantar, no “Oenach Gastronómico”. A actividade continuará ao longo da tarde, coa práctica de xogos populares a partir das 16.00 e actividades de deporte rural desde as 17.00 horas. Con esta última iniciativa trátase de promocionar as actividades lúdicas de base rural, ao tempo que poñer en valor o patrimonio cultural, podendo ver sesións de serrado con tronzador, carreiras con toradas e piñas e tiro da corda, entre outras. A música tradicional será de novo a protagonista a partir das 18.00, cunha nova “Parada etnográfica” e ás 19.30 horas procederase a entregar os trofeos aos mellor clasificados na carreira ao Castro. A festividade clausurarase ás 20.00 horas. A edil de Turismo destacou o feito de que este evento alcance xa décimo novena edición, “unha cifra que constata o éxito deste evento e tamén a importancia de traballar conxuntamente para organizar múltiples actividades coas que poñer en valor a nosa cultura”. A Axencia de Turismo de Galicia declarou esta festividade de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, recordou a edil responsable da área. Tanto Hermida como Blanco animaron á toda a comarca a participar nas diferentes propostas que se sucederán desde o 28 ao 30 de xullo na parroquia de Sedes, “donde se reúnen cada ano centos de veciños e visitantes que se achegan nestas datas a desfrutar das festas, da gastronomía, das propostas culturais e, en definitiva, da cultura e das tradicións galegas”.
Descarga de archivos
Programa "XIX Oenach Atlántico"
Tamaño:51,30 KB
Cartaz "XIX Oenach Atlántico"
Tamaño:2,09 MB

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal