Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNHAS CINCOCENTAS PERSOAS ASISTIRON Á "XIX FESTA GASTRONÓMICA DO PEMENTO DO COUTO"
O Doutor en Botánica Carlos Rodríguez foi o pregoeiro deste ano e distinguíuse co Pemento de Honra ao Grupo Nove Cociñeiros, recollendo o galardón un dos integrantes do equipo, Xoán Crujeiras
Narón, 16 de xullo de 2017. A programación da décimo novena edición da “Festa gastronómica do Pemento do Couto”, desenvolveuse hoxe na parroquia naronesa do Couto. As inmediacións do local social da Picota acolleron un xantar popular a base de pementos do Couto, churrasco, criollos, cachelos, pan, auga e viño, ao que asistiron unhas cincocentas persoas. O Concello, a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, a AVV do Couto e a Cooperativa do Val coorganizaron esta exitosa convocatoria, cuxas actividades continuaron ao longo da tarde. Pasadas as 13.00 horas retomouse a programación –iniciada o sábado 15- con motivo desta celebración. O Doutor en Botánica Carlos Rodríguez Dacal foi o pregoeiro deste ano. Na súa intervención, acompañado polos integrantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, eloxiou as cualidades do pemento do Couto e tamén destacou a traxectoria desta festividade en Narón, “que é o mellor escenario para a visualización deste pemento”. Rodríguez Dacal calificou o pemento como “ouro verde” e subliñou “o seu gran valor culinario” e a súa excelente calidade, recordando que conta con Indicación Xeográfica Protexida desde o ano 2010. “Ao pemento do Couto albíscaselle un futuro prometedor, que é posible porque as xentes de diferentes agrupacións e institucións traballaron arreo”, asegurou. Tras repasar parte da historia deste produto da horta, Rodríguez Dacal rematou a súa intervención cun dito popular: “Cando vexas o pemento do Couto, come moito e fala pouco”, dixo, para a continuación desexar longa vida a esta celebración. Finalizada a súa intervención, a concelleira de Festas, Mar Gómez, entregoulle como agasallo unha figura de cerámica. Unha vez rematado o pregón, o presidente da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, Tomás Casal, convidou a subir ao escenario do local social da Picota a Xoán Crujeiras, integrante do Grupo Nove Cociñeiros e que recolleu o Pemento de Honor de mans do alcalde, José Manuel Blanco. Previamente Mar Gómez vestíralle a capa da Orde e Crujeiras realizara o pertinente xuramento para formar parte da mesma. Na súa intervención, agradeceu o recoñecemento ao Grupo Nove Cociñeiros, en nome dos vinte e catro integrantes do equipo, e amosou a súa satisfacción por esta distinción. Pechou o acto o alcalde, José Manuel Blanco, que felicitou á organización polo traballo realizado, ao pregoeiro e ao Grupo Nove Cociñeiros e tamén subliñou o respaldo da veciñanza a esta festividade, unha das máis concurridas do municipio e da comarca. A continuación os asistentes ao evento dirixíronse á zona da carballeira, a escasos metros do local social, donde tivo lugar un xantar popular ao que acudiron unhas cincocentas persoas. Cociñáronse aproximadamente cen quilos de pementos do Couto –fritidos e con sal- e uns douscentos de churrasco, un xantar que os comensais degustaron ao aire libre, nunha área habilitada con mesas e sillas. Pola tarde, entre as 17.00 e as 19.00 horas, programouse unha visita guiada dramatizada ao mosteiro do Couto. O actor Suso Rodríguez asumiu o rol do cabaleiro naronés Froila Bermúdez –fillo dos Condes de Traba-, e guiou aos asistentes dende o local social do Couto ata o mosteiro, para percorrer parte das súas instalacións. Ás 18.00 horas comezou a actuación, na zona da carballeira, dun grupo musical, para animar aos asistentes a esta nova edición da “Festa gastronómica do Pemento do Couto”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal