Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE 450 PERSOAS MAIORES PARTICIPARÁN NOS CURSOS DO PROGRAMA MUNICIPAL DE ENVELLECEMENTO ACTIVO
As sesións programadas, algunhas delas de balde para os asistentes, comezarán mañá e rematarán en xuño do vindeiro ano, tal e como indicou a edil de Promoción Social, Teresa Sabio
Narón, 31 de agosto de 2017. Un total de 452 persoas maiores de Narón participarán este ano nos cursos dirixidos ao colectivo dentro do programa municipal de Envellecemento Activo. Así o anunciou a edil de Promoción Social, Teresa Sabio, que destacou a elevada participación que rexistran estas convocatorias que se desenvolven en centros comunitarios e cívicos sociais de todos os barrios da localidade. Ximnasia rehabilitadora, Ioga, Memoria, Apoio á informática, Labores, Curso de Comunicación, Obradoiro de lectura e escritura, Canto Coral e Cancións de animación son as accións ofertadas a todos os locais sociais e centros de maiores da cidade desde o Concello naronés, tal e como recordou Sabio. Mañá iniciaranse estes cursos –que rematarán o 29 de xuño de 2018-, concretamente o de Comunicación, no Centro Comunitario Integrado de Atención ás Persoas Maiores Manuela Pérez Sequeiros. A sesión dará comezo ás 11.00 horas e enmárcase entre as ofertadas de balde á cidadanía, ao igual que as de Labores (os mércores ás 16.00), o Obradoiro de lectura e escritura (os martes ás 11.30), Apoio á informática (martes, mércores, xoves e venres ás 9.30 e ás 10.30), Canto Coral (os martes e xoves ás 16.00) e Cancións de Animación (martes ás 16.30), que se desenvolverán nas citadas instalacións a partir da vindeira semana. Así mesmo, impartiranse –abonando as tarifas estipuladas na pertinente ordenanza fiscal- clases de Ximnasia rehabilitadora, Ioga, e Memoria no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e, nalgúns casos, nas Vivendas da Mariña e en locais sociais das zonas urbana e rural, tal e como explicou Sabio. Entre estes últimos solicitáronse actividades nos de Virxe do Mar, San Mateo (comezarán a actividade no mes de outubro), Piñeiros, O Alto, Freixeiro, Xuvia, A Solaina, Sedes, Ferrerías, San Xiao, Castro e O Val. No caso da parroquia de Pedroso, a edil naronesa agradeceu especificamente a colaboración da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, que cederá temporalmente as súas instalacións para que se impartan alí as actividades. “As veciñas e os veciños de Narón elixen cada ano, dentro da oferta dispoñible, as súas preferencias, e despois, en función da posibilidade de formar grupos cun mínimo de integrantes, convócanse nos diferentes locais”, explicou Teresa Sabio. A concelleira de Promoción Social agradeceu a implicación da veciñanza tanto da zona urbana como rural no programa municipal de Envellecemento Activo “que conta cada ano con centos de homes e mulleres nas súas actividades”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal