Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA CONVOCA O "IX CONCURSO DE PINTURA CIDADE DE NARÓN"
As persoas interesadas en presentarse ao certame, que repartirá 2.850 euros en premios, deben entregar os seus traballos do 30 de outubro ao 10 de novembro no Pazo da Cultura
Narón, 19 de outubro de 2017. O Padroado da Cultura do Concello de Narón convoca o novena edición do “Concurso de Pintura Cidade de Narón”. A alcaldesa da cidade e presidenta do organismo, Marián Ferreiro, presentou esta mañá o certame, ao que se poderán presentar obras dende o vindeiro 30 de outubro e ata o 10 de novembro, en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00, no Pazo da Cultura. A rexedora local animou á veciñanza a presentar os seus traballos a este concurso, no que se repartirán un total de 2.850 euros en premios. A ficha de inscrición pódese descargar a través da páxina web do Padroado: www.padroadodecultura.es. Estableceranse dúas categorías, unha de adultos, para persoas a partir de 16 anos, e outra infantil, ata os 15 anos, sendo esta última un certame fóra do propio concurso. Cada autor só pode presentar unha obra, orixinal e de temática, técnica e estilo libres, tal e como explicou Ferreiro. Así mesmo, en canto ao formato dos traballos presentados, deben estar enmarcados ou protexidos cun listón e o lenzo non pode superar 1,50 metros por cada lado. Non se poden asinar e deberán incluírse nun sobre pechado os datos persoais do autor. Os premios establecidos para a categoría de adultos, que se entregarán en base ao veredicto dun xurado formado por tres profesionais de prestixio nas artes plásticas e un representante municipal –este último actuará como secretario- serán de 1.500 euros para o mellor traballo; 750 para o segundo premio; 400 para o terceiro e 200 para o Premio Especial Francisco Criado -en recoñecemento dun pintor xa falecido e que foi veciño de San Xiao-, sendo este último incompatible con outros premios. Os traballos galardoados cos tres primeiros premios deste certame pasarán a ser propiedade do Padroado da Cultura do Concello de Narón e o gañador do concurso non poderá presentarse nas vindeiras dúas edicións, tal e como se estipula nas bases. Así mesmo, haberá un detalle participativo para todos os participantes nas categorías infantil e xuvenil. A entrega de premios será o 23 de novembro –Día de Narón- ás 20.00 horas no Pazo da Cultura, tal e como recordou Marián Ferreiro. Os traballos finalistas exporanse nas instalacións do Pazo da Cultura entre o 13 e o 23 de novembro, podendo visitarse de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 e os sábados entre as 10.00 e as 14.00. A alcaldesa recordou que o ano pasado se presentaron un total de setenta obras a este certame e amosou a súa confianza en que “entre as veciñas e veciños de Narón e doutros concellos poidamos superar nesta edición esta cifra, contribuíndo deste xeito a consolidar este evento, moi recoñecido dentro e fóra da nosa cidade”.
Descarga de archivos
Cartel IX Concurso de Pintura Cidade de Narón
Tamaño:5,59 MB
Bases IX Concurso de Pintura Cidade de Narón
Tamaño:1,54 MB

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal