Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ DÚAS CHARLAS SOBRE O PROGRAMA COMBINADO DE COMPOSTAXE DOMÉSTICO E VERMICOMPOSTAXE
O Concello de Narón participa xunto coa empresa Sogama nesta iniciativa, que repartirá medio cento de compostadores entre a veciñanza interesada en participar neste proxecto
Narón, 24 de xaneiro de 2018. O Concello de Narón implantará, en colaboración coa empresa Sogama, un programa combinado de compostaxe doméstico e vermicompostaxe para que un total de cincuenta veciñas e veciños xestionen nas súas propias casas a materia orgánica producida. Co fin de explicar ás persoas interesadas –deben residir en vivendas unifamiliares con terreo ou xardín- as vantaxes destes sistemas, convocáronse dúas charlas, a primeira delas o 25 de xaneiro ás 20.30 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura, a cargo de técnicos da empresa Ecocelta, que entregarán vinte e cinco vermicompostadores ás persoas interesadas neste método, tal e como apuntou o concelleiro de Servizos, Ibán Santalla. A segunda das charlas programadas, sobre compostaxe doméstico, será o 1 de febreiro, tamén ás 20.30 no Pazo, e impartirana técnicos da firma Ancara. Neste caso, tamén se repartirán vinte e cinco compostadores “ás persoas que se impliquen neste sistema. Con este tipo de charlas, apuntou o edil, os veciños e veciñas recibirán as explicacións oportunas para poder levar a cabo o proceso con tódalas garantías”. A compostaxe doméstica consiste na fermentación controlada dos restos orgánicos, xerando un compost con excelentes propiedades nutritivas para o solo. En canto á técnica do vermicompostaxe, requírese a actividade das miñocas, que inxiren a materia orgánica para convertila en humus, un composto con múltiples propiedades fertilizantes para o chan. O Concello de Narón acadará unha serie de beneficios medioambientais, económicos e sociais a través deste programa, ao reciclar a materia orgánica en orixe e reducir a frecuencia na recollida e transporte dos contedores xenéricos e, polo tanto, as emisións de dióxido de carbono á atmósfera. Reducirase ademais, tal e como explicou Santalla, a factura a abonar á empresa Sogama e recuperarase a práctica tradicional no rural galego de segregar os restos orgánicos para alimentación do gando ou xerar compost. Unha vez que se inicien estas técnicas nas vivendas dos participantes persoal ao servizo do Concello encargarase de facer un seguemento destes procesos, comprobando o traballo realizado pola veciñanza e solventando posibles dúbidas. Na actualidade máis de 230 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais) están adscritos ao programa de compostaxe doméstico de Sogama, empresa que xa distribuíu preto de 7.500 compostadores.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal