Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNHA MARCHA CICLISTA, FESTA INFANTIL DE DISFRACES, UN FESTIVAL DE COMPARSAS E PASARRÚAS PARA CELEBRAR O ENTROIDO EN NARÓN
A programación deseñada polo Concello para o Entroido comezará o 4 de febreiro e inclúe ademáis propostas gastronómicas na cidade
Narón, 1 de febreiro de 2018. O Concello de Narón deseñou unha completa programación para festexar o Entroido na cidade. Deporte, música de comparsas, concurso de disfraces e gastronomía daranse cita nos vindeiros días en varias localizacións da cidade. As concelleiras de Cultura e Festas, María del Carmen Espada e Mar Gómez, respectivamente, e o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, presentaron esta mañá no Concello as diferentes propostas. A primeira delas terá lugar este domingo, día 4, e trátase do “Domingo corredoiro”, que consistirá nunha saída en bicicleta ás 10.30 horas da rúa Cataluña, na que tódolos participantes irán disfrazados e con chegada prevista ás 12.00 horas ao punto de saída, tras percorrer uns dez quilómetros pola zona urbana –rúa Cataluña, estrada Castelao, e rúas Luis Seoane, Celso Emilio Ferreiro, estradas da Gádanra e da Trinchera, entre outras-. Nesta actividade colabora o clube Clásico Bikeworks, donde é posible anotarse ata esgotar as 100 inscricións dispoñibles. A programación continuará o venres día 9, cunha festa infantil que dará comezo ás 17.00 horas na pista deportiva de Xuvia. A AVV Altea, da citada parroquia, colabora co Concello na organización desta tradicional celebración, que estará amenizada por unha empresa con diversas propostas para as nenas e nenos, tal e como avanzou Mar Gómez. O día 10 de febreiro ao mediodía será o turno da gastronomía, cunha tradicional cita destas datas, a Festa do Cocido da Gándara, que alcanza este ano a súa décimo cuarta edición e que organizan o Concello e a AVV da Gándara. A partir das 13.30 horas as comparsas de Entroido animarán este evento e ás 14.00 está previsto que comece o xantar –no que o plato principal será o lacón con grelos- no Pavillón da Mocidade, na Gándara. Precisamente nesta última ubicación haberá ás 17.00 horas unha concentración de comparsas que a partir das 17.15 horas sairán polas rúas Bispo Argaya, Vilalba, Lugo, Wenceslao Fernández Flórez, estradas da Trinchera e de Castela e avenida de Santa Icía cara á avenida da Solaina. A este último punto, concretamente á pista polideportiva da Solaina, chegará a comitiva minutos antes de que dé comezo o Festival de Comparsas, previsto para as 18.00 horas e a cuxos protagonistas Espada agradeceu a súa implicación neste evento. A concelleira de Cultura animou á veciñanza a acudir aos actos de Entroido, cos que con propostas moi variadas se aposta “por levar diferentes actividades ás rúas de Narón”. Tamén haberá na pista polideportiva da Solaina o sábado pola tarde un concurso de disfraces, nas categorías de Adulto e Infantil, con premios para os mellores individuais, por parellas e de grupos. Teatro Ghazafelhos encargarase de presentar este festival, ao que acudirá como convidado especial o actor Paco Nogueiras. A última das propostas para celebrar o Entroido na cidade será o 11 de febreiro, cun pasarrúas de comparsas por diferentes barrios da zona urbana, entre as 13.00 e as 14.30 horas. Toda esta programación coincidirá, tal e como apuntou Villamar, co Concurso de Tapas de Entroido que entre os días 8 e 14 se desenvolverá en vinte establecementos de hostalería da cidade –que presentarán vinte e catro propostas culinarias nas modalidades de Tapa de Entroido e Tapa Creativa, doces e salgadas- e no que se repartirán premios tanto aos propios locais polas súas tapas como á clientela que as deguste e puntúe. Entre os establecementos repartiranse 1.300 euros, en total, en catro premios, e a clientela optará a unha das cinco ceas para dúas persoas que se sortearán. Os establecementos participantes son: as cervexerías Australian, La Profecía, Nueva Orleáns, Vituco, Índalo e La Salmantina, os Gastrobar Mama Flora e Piñeiros, o Mesón O Pío, o restaurante A Trasanquesa, Romero I, Romero II, a Parrillada do Couto, Silver 200 Monjes, Casa Sindo, A AVV Virxen do Mar, El Colonial 1920, A Grella dos Avós, Mesón Terra Meiga e La Rockola Café Bar. As elaboracións que se servirán en cada un deles pódense consultar a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/Folleto-Entroido-2018.pdf, e que se servirán, de 13.00 a 15.00 horas en cada establecemento nas datas fixadas para este concurso.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal