Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UN TOTAL DE ONCE AGRUPACIÓNS PARTICIPARÁN NO FESTIVAL DE COMPARSAS, QUE IMPLICARÁ RESTRICCIÓNS NO TRÁFICO RODADO E NO ESTACIONAMENTO EN VARIOS VIAIS
A celebración do festival será o día 10 de febreiro, baixo unha carpa que se instalará na pista polideportiva da Solaina, pero a programación do Entroido deseñada polo Concello completarase con outros eventos
Narón, 7 de febreiro de 2018. Un total de once agrupacións participarán este ano no Festival de comparsas que o vindeiro sábado, día 10, se celebrará na pista polideportiva da Solaina a partir das 18.00 horas. Previamente, sobre as 17.00 horas, as agrupacións concentraranse ante a Casa da Mocidade, na Gándara, para saír ás 17.15 polas rúas Bispo Argaya, Vilalba, Lugo, Wenceslao Fernández Flórez e as estradas da Trinchera e da Gándara cara á avenida de Santa Icía, ata chegar á pista polideportiva, donde terá lugar o festival. As formacións Troupele, Troupele, Os Parrandolos, Os Colludos, Vide Vindo, Os Argalleiros, Treboada da Semente, Os de jris –todas de Narón-, Os Trastos –Valdoviño-, A Canteira –Neda- e A CRM Xente de Aquí e de Acolá –Pontedeume-, e A Revolta, de Ferrol, participarán este ano no Festival de comparsas de Narón. O Padroado da Cultura asignará unha axuda económica de 700 euros ás comparsas de Narón e de 350 ás procedentes doutros concellos. Así mesmo, durante a tarde, haberá na pista polideportiva da Solaina un concurso de disfraces, no que se poderá participar nas categorías de Adulto ou Infantil. O Padroado da Cultura estableceu unha serie de premios para os mellores disfraces nas modalidades individual, de parellas e de grupos, que consistirán en cestas con produtos típicos do Entroido para os maiores e entradas para espectáculos do Pazo para os de menor idade, se ben no caso das comparsas as tres mellor clasificadas recibirán unha figura conmemorativa do Día do Entroido. O encargado de presentar o festival será Teatro Ghazafelhos e acudirá como convidado especial o actor Paco Nogueiras. A celebración deste evento implicará unha serie de restriccións no tráfico rodado polas rúas polas que discurrirá a comitiva de comparsas, donde se regulará o tráfico ata que pasen as agrupacións. A maiores, a Policía Local instalará vallas no entorno da pista polideportiva na madrugada do venres ao sábado, tras informar da prohibición de estacionar nos viais máis próximos á mesma. A partir das 10.00 horas do sábado, prohibirase o estacionamento nas rúas Alexandre Bóveda, Francisco Pizarro, avenida da Solaina e Rúa Cristóbal Colón ata o remate do evento. Así mesmo, momentos antes da chegada das comparsas á zona cortaranse ao tráfico rodado as rúas Alexandre Bóveda e Francisco Pizarro, se ben se manterá o carril de baixada na avenida da Solaina e se poderá subir pola rúa Francisco Pizarro, neste último caso por un carril que se habilitará temporalmente xunto aos edificios. O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, solicitou a colaboración cidadá para a aplicación destas medidas de regulación do tráfico, ao tempo que pediu desculpas polas posibles molestias que se poidan ocasionar na zona. Tamén na xornada do vindeiro sábado haberá unha cita gastronómica, neste caso na Gándara, coa Festa do Cocido, da que se celebra a décimo cuarta edición. O xantar, no que non faltará o tradicional lacón con grelos destas datas, comezará ás 14.00 horas no Pavillón da Mocidade pero previamente, sobre as 13.30 actuarán as comparsas de Entroido. Os actos de Entroido deseñados polo Concello –en dous casos coa colaboración das AAVV da Gándara e Altea- tamén contemplan este mesmo venres, día 9, unha festa infantil na pista polideportiva de Xuvia, baixo unha carpa instalada para a ocasión. Unha empresa de animación encargarase de amenizar a convocatoria aos asistentes. Así mesmo, mañá dará comezo a sexta edición do Concurso de Tapas de Entroido, no que participan unha vintena de establecementos de hostalería da cidade, das zonas urbana e rural. Cada mediodía, ata o día 14 deste mes, entre as 13.00 e as 15.00 horas, os locais participantes servirán á súa clientela as súas propostas culinarias para este certame, nas modalidades de Tapa Creativa ou Tapa de Entroido (doces ou salgadas).Os establecementos que participan, así como as tapas que ofrece cada un deles, poden consultarse a través do enlace: http://www.naron.es/web/docs/Folleto-Entroido-2018.pdf. O feito de participar permitiralles optar a un dos catro premios en metálico que se entregarán ao sector, valorados en conxunto en 1.300 euros. No caso dos clientes, aqueles que puntúen as diferentes tapas e depositen o seu voto na urna do local poderán gañar unha das cinco ceas para dúas persoas que tamén se sortearán neste Concurso de Tapas de Entroido. Xa para rematar os actos de Entroido na cidade, o día 11 terá lugar un pasarrúas de comparsas polos barrios da zona urbana, que comezará sobre as 13.00 horas e está previsto que remate ás 14.30.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal