Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UN CONTACONTOS E UNHA LECTURA PÚBLICA DA OBRA DE ROSALÍA DE CASTRO CENTRARON OS ACTOS DO DÍA DE ROSALÍA NA BIBLIOTECA MUNICIPAL
Representantes da corporación local, coa alcaldesa, Marián Ferreiro, á cabeza, e veciñas e veciños de Narón participaron na lectura da obra desta recoñecida poetisa galega
Narón, 24 de febreiro de 2018. A Biblioteca municipal acolleu os actos centrais da celebración do Día de Rosalía, que se conmemora cada 24 de febreiro, recordando a data na que faleceu Rosalía de Castro, poetisa galega do século XIX. Ás 11.00 horas comezou na Biblioteca o contacontos O lucecú que coñeceu Rosalía, unha actividade na que participaron unha vintena de nenas e nenos a partir de catro anos, que se implicaron na representación dunha historia protagonizada por un lucecú, o que acompañou a Rosalía de Castro durante a súa vida e que lles foi narrando aos menores como foi a vida da poetisa. A partir das 12.00 comezou a segunda das propostas ofertadas, que consistiu nunha lectura pública da obra de Rosalía de Castro. A concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, destacou no acto a figura da poetisa galega. Taibo asegurou que a “galeguidade dos seus textos e o entendemento co seu pobo, ao que se dirixiu no seu idioma, fixeron a Rosalía poeta do seu pobo” e incidiu en que esta recoñecida autora galega “reivindicou a difusión e o coñecemento da súa obra”. A edil naronesa recordou o compromiso municipal –adquirido no pleno- para fomentar actividades como a programada hoxe e conmemorar o Día de Rosalía cada 24 de febreiro na cidade. A continuación, foi a poeta naronesa Ana Belén Varela a encargada de ler o manifesto proposto pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para celebrar esta data. Varela leu un texto da tamén poeta María Reimóndez, titulado “Abride a fiestra” e explicou que responde, según se indicou, “ás últimas verbas que pronunciou Rosalía de Castro na súa casa de Padrón antes de morrer, cando lle pediu á súa filla que abrise a fiestra para poder ver o mar”. A encargada de abrir o turno das lecturas públicas foi a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, á que seguiron outros representantes da corporación local que acudiron ao acto, entre eles a concelleira Mercedes Taibo; o edil de Promoción Económica, Pablo Villamar, e a concelleira Teresa Sabio. A alcaldesa destacou tamén a figura de Rosalía de Castro e o valor da súa obra, así como o importante traballo que en defensa da lingua galega realizou Rosalía na súa época e por deixarnos publicacións tan relevantes como Cantares Gallegos que hoxe constitúe todo un símbolo da nosa cultura, ou Follas Novas, entre outras publicacións da autora. Leron tamén textos de Rosalía menores e adultos que acudiron ao acto, algúns deles levando os seus propios textos de Rosalía da casa e outros elixindo os que estaban dispoñibles na Biblioteca. Pola súa participación todos eles recibiron como agasallo un libro en galego e unha flor. Ese mesmo agasallo entregouse tanto onte como hoxe na Biblioteca ás persoas que levaron en calidade de préstamo un libro, sumándose á iniciativa as librarías Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros e Galicia, regalando o venres e o sábado unha flor ao mercar algún libro en galego. Na sala de adultos e infantil da Biblioteca municipal expúxose unha mostra bibliográfica da obra de Rosalía de Castro e no Pazo da Cultura a exposición Airiños aires, Rosalía, do fotógrafo Xurxo Lobato, que poderá verse ata o 5 de marzo–de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas-. A alcaldesa da cidade e a concelleira de Bibliotecas agradeceron a participación da veciñanza e das librarías locais nos actos programados con motivo do Día de Rosalía, destacando a súa figura, xa universal, e o importante legado que nos deixou co seu traballo.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal