Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O SPEIS DE NARÓN INICIA UNHA CAMPAÑA PARA LOITAR CONTRA A PROLIFERACIÓN DA VESPA VELUTINA
O equipo do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón realizou o ano pasado preto de 400 servizos relacionados coa velutina
Narón, 29 de marzo de 2018. O Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón realizou entre 2015 –ano da súa constitución- e finais de 2017 un total de 2.418 servizos relacionados con diferentes áreas. Así o indicou o concelleiro responsable da área de Protección Civil e Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, que destacou que unha parte importante destas intervencións, en concreto 675 nese mesmo período, correspóndense coa retiradas de niños de vespas velutinas. “O ano pasado rexistráronse un total de 382 servizos relacionados con este tipo de especie invasora, o que constata o feito de que nos atopamos ante un problema importante debido á proliferación desta especie”, asegurou Sánchez Fojo. Co fin de actuar sobre esta situación, o Consistorio iniciou unha campaña centrada na prevención, ofrecendo información e asesoramento á veciñanza sobre os métodos de control e trampeos a aplicar contra a velutina. A proliferación desta especie nos últimos anos levou ao goberno local a que o Speis se encargase de coordinar os traballos no seu termo de actuación, e este mesmo ano, a modo de “plan de choque”, incorporouse a divulgación preventiva. Esta iniciativa ten entre os seus obxectivos, explicou Sánchez Fojo, a concienciación cidadá sobre a importancia da prevención para o control da vespa asiática. “Desde o Concello convidamos a toda a veciñanza interesada en colaborar, agora que nos atopamos na mellor época para realizar o trampeo co que combater esta especie, a dirixirse ao equipo do Speis, donde lles ofrecerán a información e o asesoramento que precisen sobre este tema”, asegurou. “A formación e a prevención son fundamentais para tratar de erradicar a velutina, que prolifera sen control e nos últimos tempos nas zonas urbanas e sobre todo nas árbores, donde a comida abunda e fan os seus niños a unha considerable altura”, apuntou o edil naronés. “A maioría dos niños sobre os que se actuou desde o Speis atopábanse na zona urbana –un 56%-, fronte ao 28% da interurbana e o 16% da rural”, asegurou Sánchez Fojo. No que respecta á súa eliminación, o método máis empregado foi o da extracción con neutralización –en 103 casos-. “O procedemento tras localizar o niño pasa polo emprego do sistema de neutralización da zona, para que non volvan anidar, despois pódese queimar in situ, cunha pértiga e lanzachamas que leva o equipo do Speis, que utiliza un traxe específico para estas tarefas, ou conxelalo, tamén nas instalacións do Speis durante un mes para logo proceder á súa queima”, indicou o edil naronés. Os casos que presentan maior urxencia aténdense en horario diurno, se ben naqueles que non se consideran urxentes, por non representar por exemplo o perigo que supón cando se atopan cerca de núcleos de poboación, trabállase pola noite, tal e como indicou Sánchez Fojo. “As raíñas durante o día están fóra do niño e no caso de actuar sobre el coa luz do día pode derivar nun problema maior, incrementándose a especie dun xeito incontrolado, ao non destruír ás raíñas”, asegurou. O concelleiro de Seguridade Cidadá e Protección Civil asegurou que “xa estamos traballando cos colexios de Narón e con outros colectivos, como asociacións veciñais, para ofrecerlles información sobre a vespa velutina e como combatela, pero calquera persoa a título individual pode dirixirse ao Speis de Narón para participar neste plan de choque para controlar esta especie”. As instalacións do Speis están ubicadas no polígono industrial de Río do Pozo, pero tamén se pode contactar co equipo deste servizo municipal chamando ao 080 ou ao 981 390 000.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal