Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO IMPULSA VARIAS ACTIVIDADES A TRAVÉS DO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA PARA FOMENTAR A SOCIALIZACIÓN EN GALEGO
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, indicou que as propostas, enmarcadas no programa Apego e dirixidas a menores e profesorado das escolas infantís municipais, se desenvolverán na zona urbana e na rural
Narón, 11 de abril de 2018. A Concellería de Ensino, dirixida pola edil Mercedes Taibo, vén de programar unha serie de actividades a través do Servizo de Normalización Lingüística, enmarcadas no programa Apego e dirixidas a nenos e nenas e persoal que traballa nas escolas infantís municipais. As propostas desenvolveranse entre este mes e os de maio e xuño en centros cívicos sociais da zona urbana e rural da localidade e tamén na escola municipal infantil de Piñeiros, tal e como avanzou a edil naronesa. A concelleira subliñou que “a través deste programa municipal colectivo temos a oportunidade de impulsar a socialización en galego das nenas e nenos desde a súa infancia, con propostas tanto na zona urbana como rural para facilitar así a asistencia e tamén outras dirixidas especificamente ao profesorado das escolas infantís municipais”. A primeira das actividades programadas terá lugar este mesmo venres, día 13, no Centro Cívico Social do Val. Trátase dunha sesión de teatro infantil, Estrazalonia, a cargo de O baúl da tía Tola, que se impartirá en dúas sesións, unha a partir das 17.30 e outra que comezará ás 18.30. Os nenos e nenas de 1 a 5 nos e as súas familias son os destinatarios desta proposta –pensada para un máximo de trinta menores por quenda, que deberán ir acompañados por unha persoa adulta-. Mediante o papel de estraza os asistentes realizarán unha viaxe a través das emocións, as sensacións e a imaxinación, unha viaxe da man de Tilín e Tilón que espertará os sentidos dos menores. Monicreques, música, son e a expresión corporal serán tamén elementos fundamentais para esta divertida proposta teatral. Continuará a programación con outra cita teatral, neste caso Mans, de Pablísimo, o vindeiro día 27 deste mes no Centro Cívico Social de Piñeiros. A primeira sesión será ás 18.00 e a segunda ás 19.00 e están dirixidas a nenas e nenos de 4 a 9 anos e ás súas familias –un máximo de vinte e cinco menores por cada quenda-. Neste espectáculo cóntanse unha serie de historias con palabras e as personaxes aparecen nas mans. Os asistentes presenciarán unha proposta cun marcado carácter tradicional no que os contos populares e de creación propia, as fábulas, os monicreques e o xogo cobrarán especial relevancia. O sábado 14 de abril terá lugar a sesión prevista na escola infantil municipal da Solaina, dirixida ao persoal e aberta tamén a aqueles que traballan nas da Gándara, Piñeiros e na Galiña Azul de Xuvia. A partir das 10.30 horas os participantes asistirán á sesión A orella pendella, de Migallas Teatro. A proposta céntrase nos xogos e cancións infantís tradicionais e durante a mesma explicaráselles aos participantes unha serie de recursos infantís en galego, xogos, ditos, cancións tradicionais… para que posteriormente empreguen nas aulas como material lúdico e, ao tempo, pedagóxico. As actividades continuarán o mes de maio, concretamente o día 11, no Centro Cívico Social de San Xiao. Alí están convocadas as nenas e nenos de 0 a 3 anos e as súas familias, a partir das 18.00 horas, para asistir ao espectáculo O quebranoces para bebés, de Musicreques. A maxia do conto clásico de Hoffman e a música de Tchaikovsky centrarán esta proposta, que combina o teatro de monicreques coa música de piano en directo. Os menores coñecerán a un simpático ruso, un chinés presumido e unha serpe que quere ser unha ra e tamén poderán disfrutar das cantigas e bailes cos que recoñecer as partes do corpo e iniciarse no mundo da pequena percusión. O venres 25 de maio será o turno de Xarope Tulú, que levará ao Centro Cívico Social do Couto o espectáculo María e os ollos alabarados. Será a partir das 18.00 horas e para un máximo de 25 menores de entre 3 e 8 anos. Neste caso a actividade está directamente vencellada ao Día das Letras Galegas, ao achegar aos asistentes ao universo de María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano nesa data. A través de diversos fragmentos de obras desta escritora e mestra realizarase un repaso pola súa traxectoria vital e partindo da viaxe que realiza unha moza polos seus recordos de infancia, moi marcados por unha das súas mestras. A programación do mes de xuño comezará o día 8, con Danza creativa en familia, de Xanzá Movemento Eco-Creativo. Nesa ocasión realizarase unha actividade divertida e cooperativa na que a palabra, a respiración, a música, o baile e o xogo contribuirán a fornecer o vínculo dos bebés cos seus pais e nais. Neste caso tamén se programaron dúas sesións, a partir das 17.30 e das 19.00 horas, para menores de 0 a 18 meses e de 19 a 36, respectivamente, limitadas a un máximo de vinte participantes. Por último, pechará esta programación trimestral a obra Cociñando música, do Capitán Garfo. Será o día 15 no Centro Cívico Social de Sedes, cunha única sesión a partir das 18.00 horas. Os nenos e nenas de 4 a 8 anos e as súas familias son os destinatarios desta actividade –un máximo de trinta-, na que un particular Capitán Garfo preparará un nutritivo e divertido menú musical para que os asistentes valoren a importancia de seguir uns bos hábitos alimentarios, aprendan a poñer a mesa ou a “facerse amigos” das verduras e ensaladas. As persoas interesadas en participar nestas actividades, todas elas de balde, deberán anotarse a través do correo electrónico: a.pita@naron.es, tal e como recordou Taibo. A edil naronesa explicou que no momento de anotarse deben especificar o nome da actividade, o do neno/nena e idade, así como o do pai/nai ou persoa que o acompañará, e facilitar un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal