Concello de Narón
Espa�ol
Entrada a Naronmail
 

Deportes Cultura
Deportes Cultura
Policía Local de Narón dameuntoke
Policía local Mocidade
Concellería de Igualdade Biblioteca de Narón
Igualdade Biblioteca de Narón
Turismo de Narón Do berce á rúa
Turismo Do berce á rúa
Outras webs Narón, Cidade Fidalga
Outras Webs Narón, Cidade Fidalga
Servizo de Normalización Lingüística Buscocole
Servizo de Normalización Lingüística Buscocole
Novas
 
O PLENO APROBA DE FORMA DEFINITIVA AS MODIFICACIÓNS DAS ORDENANZAS DO IBI, ICIO E IAE
O PLENO APROBA DE FORMA DEFINITIVA AS MODIFICACIÓNS DAS ORDENANZAS DO IBI, ICIO E IAE
Os cambios nestas normativas aplicaranse a partir de xaneiro de 2019 e implican importantes bonificacións para as empresas que se asenten ou amplíen instalacións na cidade
Narón, 26 de abril de 2018. O Concello de Narón aprobou na sesión plenaria desta tarde, iniciada ás 19.00 horas, as modificacións das ordenanzas fiscais número 2, reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI); número 3, do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), e número 6, do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), que entrarán en vigor en xaneiro do vindeiro ano. O trámite realízase tras desestimar as alegacións presentadas por ENE e atendendo aos informes tanto do Xefe do servizo de Intervención e Facenda como da Interventora xeral do Concello, nos que consideran que deben desestimarse as reclamacións presentadas.
Ao quedar rexeitadas danse por aprobadas definitivamente as modificacións destas tres ordenanzas municipais, que se publicarán no BOP nos vindeiros días. As citadas ordenanzas contemplan considerables rebaixas fiscais para as empresas que se asenten na cidade ou amplíen as súas instalacións, que poden alcanzar ata o 95% do total destes impostos, en función do investimento realizado e dos postos de traballo que xeneren. O concelleiro de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, recalcou que un informe avala a legalidade das ordenanzas municipais e defendeu os cambios realizados nas do IBI, ICIO e IAE, estes dous últimos trala adhesión do Concello á iniciativa Doing Business, impulsada a través da Xunta e da Fegamp.
O Concello aceptou –co voto a favor de todos os grupos excepto ENE- a cesión dun total de quince predios, cunha superficie de 31.155 metros cadrados, localizados na parroquia de Sedes. Os terreos pertencían á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que posúe a maiores outros no municipio, pero neste caso, ao non ser aptos para os fins do Banco de Terras de Galicia, cederallos ao Consistorio. Os terreos pasarán ao Inventario Municipal de Bens, considerados como patrimoniais.
Na sesión plenaria desta tarde aprobouse por unanimidade a declaración de especial interese e utilidade municipal das obras de rehabilitación enerxética do CPI do Feal, que executará a administración autonómica. Con cargo a esta declaración a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria obterá unha bonificación do 95% sobre a cota do ICIO.
No apartado de mocións, o PSdeG-PSOE presentou dúas, unha relacionada co Día da Visibilidade Lésbica, que se aprobou por unanimidade, para garantir a seguridade do colectivo e apoiar sistemas de información e sensibilización sobre esta realidade, e outra sobre o orzamento comprometido polo Goberno central para desenvolver as medidas contempladas no Pacto de Estado sobre Violencia de Xénero, que tamén saíu adiante co respaldo de todos os grupos excepto o PP.
O Grupo mixto presentou a través de EU unha moción instando ao goberno da Xunta a impulsar unha mesa de diálogo para o transporte público que se aprobou por unanimidade. Neste punto, o portavoz de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, recalcou a “total dispoñibilidade” do Concello de Narón para manter conversas con outros concellos e coa Xunta para mellorar a actual situación do servizo. “Sabemos que as liñas interurbanas están feitas un desastre e en zonas como San Mateo, O Val e Castro temos unha situación complicada; nós pedimos melloras e na Xunta dinnos que non se pode ata decembro de 2019 por temas de contratación”, apuntou o edil naronés, que incidiu en que “este Concello está aberto a calquera reunión que nos pida a Xunta, igual que estamos dispostos a falar cos concellos de Cedeira e Valdoviño”. Sánchez Fojo lamentou a redución das xuntanzas mantidas ata o de agora, que pasaron de dúas anuais a unha e nas que se aborda unicamente o tema económico. “Estivemos pagando 70.000 euros, baixaron a 50.000 e seguiriamos colaborando e poñendo os 70.000 se as veciñas e veciños puideran facer uso deste servizo, pero lamentablemente hai un problema moi grave”.
A través de ENE o Grupo Mixto presentou outra moción para instar ao goberno municipal a solicitar as axudas da Xunta para a posta en marcha dunha Unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar, rexeitada polo grupo de goberno por entender que o servizo está cuberto na cidade a través do convenio que o Concello mantén con Aspaneps, tal e como apuntou a edil de Promoción Social, Teresa Sabio. A concelleira aludiu a un informe técnico elaborado ao respecto e subliñou, xunto coa alcaldesa, Marián Ferreiro, que ese acordo esixe unha demanda mínima do 2% da poboación, que sería de 53 nenas e nenos, se ben non se alcanza esa cifra na cidade, según os datos do Servizo Sociocomunitario.
Con carácter de urxencia presentáronse outras dúas mocións, que se incorporaron á orde do día. Aprobouse, cos únicos votos en contra do PP, unha do BNG de apoio ás mobilizacións en defensa da lingua galega convocadas para o 17 de maio, con motivo do Día das Letras Galegas, pola plataforma cidadá Queremos Galego e instando á Xunta a derogar o decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e para que cumpra o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Pola súa banda o PP presentou unha moción que non saíu adiante sobre a eliminación de puntos negros en materia de accesibilidade. O portavoz de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, explicou que o goberno local leva xa tempo traballando na mellora da accesibilidade. Tamén a alcaldesa, Marián Ferreiro, se pronunciou ao respecto, recalcando que se están redactando os pregos administrativos dun Plan de Mobilidade que abarque as rúas e edificios públicos da cidade e avanzou que “na vindeira modificación de crédito resérvanse considerables partidas económicas para a mellora da accesibilidade en Narón, que sabemos que é mellorable e non o negamos, polo que continuaremos traballando”.



Últimas novasu Tódalas novas

<<< Xullo 2019 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
   
 
Concello de Narón - Aviso legal