Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O SALÓN DE PLENOS ACOLLEU OS ACTOS CONMEMORATIVOS DO DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO
Dúas mulleres e dous homes de etnia xitana leron un documento no que reivindicaban a igualdade entre homes e mulleres antes de dar inicio a tradicional Cerimonia do Río no Parque fluvial de Freixeiro
Narón, 27 de abril de 2018. O Concello de Narón conmemorou esta mañá os actos programados con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e as edís de Promoción Social Teresa Sabio, e Acción Social, Catalina García, participaron nesta convocatoria, que comezou no salón de plenos, ás 11.30 horas, coa lectura dun texto, por parte de dúas mulleres e dous homes, Rosa Vega, Montserrat Gabarri, Miguel Manzano e Antonio Fernández, no que se reivindicaba a igualdade. No documento que redactaron e leron os representantes do colectivo xitano recordaron a convocatoria de folga feminista do pasado 8 de marzo, “na que milleiros de mulleres xitanas, paias e migrantes saímos ás rúas para decir “basta” ás agresións, ás violacións, ás exclusións…”. A dificultade de acceso ao mercado laboral ou á vivenda, a formación e a necesaria implicación dos homes xitanos para alcanzar a igualdade real entre homes e mulleres na sociedade foron outros dos temas que abordaron desde o colectivo na lectura que tivo lugar no salón de plenos. Unha vez remataron, a alcaldesa agradeceulles a súa participación e, de xeito especial, a dos homes que por primeira vez se implicaron activamente nos actos do Día Internacional do Pobo Xitano. Á liña de agradecementos sumáronse tamén Catalina García e Teresa Sabio, que animaron aos representantes do pobo xitano a continuar loitando pola igualdade de xénero e colaborando nos actos de conmemoración desta data. A continuación os asistentes, acompañados por profesores e representantes do goberno local, desprazáronse ata o Parque fluvial do río Freixeiro. Un ano máis alí tivo lugar a tradicional celebración da Cerimonia do Río, que consistiu en tirar ao cauce do río flores e pétalos. Esta tradición mantense viva ano tras ano na cultura xitana para recordar ás vítimas xitanas da II Guerra Mundial e o éxodo polo mundo deste colectivo. O Concello organizou a maiores, coa Asociación Acción Familiar (AFA) que traballa co programa de minorías étnicas na localidade, o “II Concurso de relatos curtos” para conmemorar tamén o Día Internacional do Pobo Xitano, do que se entregarán os premios o día 3 de maio na Biblioteca municipal ás 18.00 horas.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal