Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A SEMANA DA MOBILIDADE E EDUCACIÓN VIARIA CELEBRARASE NA CIDADE DO 7 AO 11 DE MAIO
O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, presentou hoxe, acompañado por Pedro Caneiro e Sonia López, do equipo de Educación Viaria do Concello, a vintena de propostas incluídas no programa desta iniciativa.
Narón, 30 de abril de 2018. O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, presentou esta mañá acompañado por Pedro Caneiro e Sonia López, do equipo de Educación Viaria de Narón, os actos da Semana da Mobilidade e Educación Viaria do Concello de Narón. O programa desenvolverase entre os días 7 e 11 de maio e contempla actividades dirixidas a diferentes colectivos e que se convocaron en diversas instalacións e espazos públicos da cidade, tal e como subliñou Sánchez Fojo. O concelleiro naronés convidou á veciñanza a participar nesta convocatoria. O luns día 7 a rúa 25 de Xullo acollerá, entre as 10.00 e as 13.00 horas o Parking Day, con dúas actividades, unha “Biblioteca na rúa” e outra de Conversa en inglés. Xa pola tarde, entre as 16.30 e as 19.00 horas, terá lugar un Taller interxeracional no Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros, no que nenos e nenas de Primaria falarán sobre medidas de seguridade ao camiñar, e tamén o médico Carlos Piñeiro explicará o programa 100.000 Motivos de Peso. Ao remate haberá unha pequena camiñata polos arredores do Pazo. Tamén na tarde do luns se desenvolverá o Parking Day, nesta ocasión na Praza da Gándara, entre as 17.00 e as 20.00 horas, con contacontos en inglés, clases de guitarra, e un obradoiro de bonecos. A inauguración dun circuíto de Educación Viaria nas escolas infantís municipais da Gándara e A Solaina abrirá as actividades do martes, a partir das 10.00 horas. Pola tarde, de 17.00 a 21.00 o local social do Alto acollerá un curso teórico-práctico para acompañantes de transporte escolar e de menores, que impartirá persoal do Speis de Narón e de 18.00 a 19.40 continuará o Parking Day na praza da Gándara, nesta ocasión con obradoiros para facer cadernos e danzas urbanas. Na xornada do mércores día 9 o alumnado dos colexios da Solaina, Ayala, Virxe do Mar, A Gándara, Santiago Apóstol, Piñeiros, Jorge Juan, e Ponte de Xuvia que acuda a pé, en bicicleta ou monopatín a clase, poderá degustar un almorzo de balde, así como os seus acompañantes, entre as 8.30 e as 9.10 horas. Así mesmo, os funcionarios do Concello que fagan o propio poderán almorzar de balde na Cafetería do Concello e rematar media hora antes a súa xornada laboral. O Parking Day do día na Praza da Gándara, entre as 18.00 e as 20.00 horas incluirá sesións de pintura ao aire libre e clases de zumba. Tamén o día 9 pola tarde, de 18.00 a 20.00 haberá un obradoiro no Pazo da Cultura dirixido a embarazadas, sobre “Seguridade no automóbil; Sistemas de retención infantil”. O Pazo da Cultura será tamén o escenario das actividades programadas na mañá do xoves día 10, coa final das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria, entre as 10.00 e as 13.00 horas. As nenas e nenos de quinto e sexto de Primaria de colexios de Narón participarán na fase final desta convocatoria e os murais que realizaron nas aulas poderán verse na Biblioteca municipal polas tardes. O Parking Day da Gándara incluirá, entre as 17.00 e as 19.00 horas sesións de cerámica, un encontro de palilleiras e musicoterapia. Tamén nese horario terá lugar nas instalacións de Evo Skate, na Faísca, unha exhibición de skate e clases de iniciación. O último día, o 11 de maio, a programación rematará, como é tradicional, coa Marcha Ciclista Escolar, que alcanza a undécima edición e na que participarán uns 1.200 escolares de tódolos colexios de Narón, do centro Maciñeira, de Neda e da Asociación Nuestra Señora de Chamorro. Os escolares de terceiro a sexto curso irán en bici ata o paseo de Xuvia, donde tomarán un aperitivo e presenciarán unha exhibición da Unidade Canina do Tercio Norte antes de regresar aos seus colexios. A maiores, contémplanse dúas actividades, Móvete en Narón, dirixido á cidadanía en xeral, que consiste en inscribirse na aplicación Strava –de balde- e correr, andar ou ir en bici por Narón, rexistrando os datos entre o 7 e 11 de maio e con agasallos en cada unha das tres categorías para o que contabilice maiores distancias. As veciñas e veciños con tarxeta de bicis públicas tamén optarán a un ano de servizo de balde, que poderán conseguir no caso daquela persoa que faga uso do mesmo en máis ocasións entre os días 7 e 11 de maio en Narón ou Ferrol. “Queremos que as veciñas e veciños participen activamente nesta vintena de actividades, formativas, deportivas e lúdicas pero cun obxectivo común, que non é outro que fomentar a mobilidade sostible e a educación viaria”, subliñou Sánchez Fojo. O concelleiro naronés agradeceu de antemán a colaboración de todas aquelas persoas que participan neste programa impulsado a través do Concello “especialmente das rapazas e rapazas e mestres e ANPAS dos colexios de Narón, sen os que moitas delas non se poderían celebrar”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal