Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO E A AVV ALTEA ORGANIZAN A FESTA GASTRONÓMICA DA ALTEADA
A cita terá lugar o vindeiro 22 de xullo no paseo marítimo de Xuvia e as entradas están á venda no local social da AVV Altea
Narón, 9 de xullo de 2018. Os concelleiros de Festas e Promoción Económica, Mar Gómez e Pablo Villamar, respectivamente, presentaron esta mañá xunto co presidente da AVV Altea de Xuvia, Ramón Rodríguez, e o secretario da entidade, Antonio Rey, a vixésima edición da Alteada, da que se conmemora este ano a segunda edición da Festa de exaltación da ameixa rubia. A cita será o vindeiro 22 de xullo no paseo marítimo de Xuvia e os tickets están xa á venda –ata o 19 de xullo- no local social da citada AVV, de luns a venres, de 9.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 horas. O menú será a base de ameixa rubia á mariñeira, paella, sobremesa e bebidas a prezos populares, e tamén haberá música en vivo. O presidente da AVV Altea recordou que esta festividade se iniciou hai vinte anos nunha carballeira xunto ao paseo marítimo de Xuvia cunha mexillonada, a modo lúdico-reivindicativo para denunciar o estado no que se atopaba a ría. “Afortunadamente agora vemos que a situación mellorou e a ría non ten o mal olor de hai dous anos e comeza a recuperarse, nacendo marmulos e xebra nas beiras…”, asegurou. Ramón Rodríguez, que agradeceu a colaboración do Concello para organizar este evento gastronómico e tamén a prestada desde a Confraría de Pescadores de Barallobre, que subministrará a ameixa rubia para a Alteada. O concelleiro de Promoción Económica, Pablo Villamar, destacou tamén a consolidación desta festa gastronómica na parroquia de Xuvia. “Convertiuse nun punto de encontro donde ademais da AVV participa o Concello e está moi ligada á ría e aos seus produtos. Este é o segundo ano no que se cociñará ameixa rubia, grazas á colaboración da Confraría de Pescadores de Barallobre”. O edil valorou os resultados desta convocatoria e amosou a súa confianza en que continúe celebrándose moitos anos máis “promocionando o Concello e os produtos da ría, a través do Club Narón Gastronómico, o que é un motivo máis para que a xente nos visite e coma ben”. Os edís naroneses e os representantes da AVV animaron á cidadanía de Narón e doutros concellos a acudir á Alteada, para poder desfrutar dunha xornada gastronómica degustando produtos da ría.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal