Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O GOBERNO LOCAL APROBOU NO PLENO O INICIO DOS TRÁMITES DO EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN DE SERVIZO DE RECOLLIDA DE RESIDUOS SÓLIDOS URBÁNS E LIMPEZA VIARIA
Na sesión aprobouse definitivamente un modificado de crédito que reserva una partida de 3,6 millóns de euros para investimentos na cidade, tal e como recordou a alcaldesa, Marián Ferreiro
Narón, 3 de setembro de 2018. O tripartito naronés aprobou nun pleno extraordinario –ás 12.00 horas- iniciar os trámites do expediente de contratación do servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbáns e Limpeza viaria. O Concello dispón dunha partida orzamentaria no presente exercicio de 2,63 millóns de euros coa que se prevé proceder á licitación do contrato dos citados servizos. O goberno local comezou hai varios meses a traballar no prego técnico, ao tempo que se estudaba a viabilidade de mancomunar este servizo. Ante a falta dun acordo para esta última proposta, e debido ás tarefas realizadas desde o Concello, está xa rematado o prego técnico e estase elaborando o administrativo, co fin de proceder en canto sexa posible á licitación do citado contrato. O equipo de goberno conta a maiores cun estudo económico externo no que se contempla un proxecto de explotación destes servizos por un período de dez anos e por un importe máximo de 2,6 millóns de euros anuais. O Concello dispón no actual exercicio dunha partida orzamentaria dese importe, do que 1,4 millóns de euros se destinarían á recollida de RSU e os 1,2 millóns restantes para Limpeza Viaria. No estudo apúntase a unha partida de 2,7 millóns de euros anuais, aos que habería que descontar 268.000 euros da recollida selectiva que xestionan outras empresas, co que finalmente a cifra máxima non alcanzaría os 2,5 millóns de euros ao ano. O feito de que inicialmente se abordase a posibilidade de mancomunar o servizo e a entrada en vigor da nova Lei de contratos do sector público –cunha serie de directrices europeas sobre a materia que supuxeron importantes cambios- dificultaron os prazos de contratación, tal e como se explicou desde o goberno local. A empresa adxudicataria deste contrato deberá recoller os residuos sólidos urbáns xerados no termo municipal e trasladalos á planta de transferencia ou xestores autorizados e, en canto á limpeza viaria, desbrozar e limpar as parcelas e espazos públicos existentes e o perímetro das vías interurbanas e rurais de titularidade municipal. En canto á recollida do lixo, no anteproxecto de explotación do servizo do que dispón o Concello contémplase a prestación do servizo en tres áreas: urbana, semiurbana e rural con recollida de carga lateral naqueles casos nos que sexa posible e, a maiores, a recollida do aceite dos contenedores específicos, a recollida de voluminosos, e o mantemento de contenedores e papeleiras, entre outros servizos. En canto á limpeza viaria, a empresa asumiría o coidado duns 64.000 metros de viais na zona urbana e nos polígonos industriais da Gándara, As Lagoas e Río do Pozo, así como a limpeza de grafites, e a específica en festas, feiras e eventos, desbroces no rural e vaciado de papeleiras. Sánchez Fojo explicou que “estivemos estudando a posibilidade de mancomunar o servizo pero problemas políticos alleos a este concello leváronnos a esta situación”. Así mesmo, a alcaldesa aclarou que “o Concello non pode permanecer parado ou á espera do que fagan outros municipios e nós nunca negamos que estivésemos realizando estudos para ver a viabilidade de municipalizar o servizo”. Ferreiro asegurou que “fixéronse eses estudos, atendendo ao compromiso adquirido no seu día de considerar a posibilidade da municipalización e comarcalización de determinados servizos públicos, miráronse pero consideramos que a mellor opción é a que traemos a este pleno e por iso imos incoar o expediente”. Na sesión plenaria desta mañá aprobouse de xeito definitivo o expediente de modificación de créditos nº 10/2018, por un importe de 5,09 millóns de euros, tras desestimarse a única reclamación presentada ao mesmo en base aos informes emitidos desde o departamento municipal de Intervención. “O informe de Intervención aclara totalmente os motivos polos que se rexeita esa alegación, abordouse na comisión e é claro e desde o equipo de goberno consideramos sempre a labor dos funcionarios e funcionarias deste Concello e así o seguiremos facendo”, subliñou Ferreiro. O expediente aprobouse inicialmente no pleno ordinario do pasado mes de xullo, cos votos do tripartito naronés –TEGA, PSOE e BNG- e o respaldo do portavoz de EU. Desta partida global un total de 3,6 millóns de euros destinaranse a investimentos, a maiores dos 2,8 millóns recollidos no orzamento municipal deste ano para tal fin. Unha das prioridades en materia de investimentos é ampliar a rede de saneamento e abastecemento na zona rural do municipio (O Val, Sedes, San Mateo e Pedroso), actuacións ás que se reservan 1,43 millóns de euros e das que algunas están actualmente en proceso de licitación. Accesibilidade e humanización de barrios, reparación de viais e acondicionamento de beirarrúas, parques e xardíns e melloras en eficiencia enerxética serán outras das áreas ás que se destinarán estas partidas do modificado de crédito.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal