Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA DENUNCIA A FALTA DE VONTADE E COMPROMISO DA XUNTA SOBRE A SENDA PEONIL E CICLISTA DO VAL
A rexedora local, Marián Ferreiro, lamentou a negativa da Xunta a retomar o diálogo cos afectados e ofreceu a posibilidade de asinar un convenio para adaptar o proxecto na medida do posible ás peticións veciñais
Narón, 11 de setembro de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, reuniuse en Santiago coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, tras anunciar publicamente a representante da administración autonómica a intención de non construír a senda peonil e ciclista proxectada pola Xunta na parroquia do Val. A conselleira confirmoulle a Ferreiro que a decisión tomada é firme e explicoulle, en canto aos motivos da mesma, que se adoitara “pola seguridade dos traballadores e ante a falta dun ambiente idóneo”. Ferreiro denunciou a “falta de vontade e compromiso da Xunta para sacar adiante este proxecto, que se nega en rotundo a modificar e consensuar cos veciños e que pide agora ao Concello que redacte”. O itinerario, de algo máis de dous quilómetros de lonxitude entre Río do Pozo (AC-116) e a estrada de Baltar (AC-114), non é unha actuación aillada, senón que se enmarca no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ferrol. “É cando menos significativo e curioso que a conselleira nos convide a traballar polo consenso cos veciños e deseñar un novo proxecto cando ela mesma se nega a retomar o diálogo cos afectados por esta actuación, negando calquera posible consenso entre a Xunta –administración promotora do proxecto, e responsable da supervisión, expropiación e contratación da obra- e algúns afectados que piden unha serie de cambios no documento”, recalcou Ferreiro. A alcaldesa aclarou sobre o mesmo que “se trata dun proxecto que non se coordinou desde o Concello porque é certo que se incorporaron algunhas achegas municipais pero outras non se aceptaron”. “Se a Xunta ten claro que o proxecto se podería adaptar en todo o posible ás demandas veciñais, como asegura a conselleira, o propio nestes casos, cando hai vontade de facelo, é restablecer o diálogo e non deixar de facer unha obra a cuxo proxecto actual se opón unha parte dos afectados, que non se opoñen á senda senón a ese proxecto concreto”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa incidiu en que “se tan positivo ven desde a Xunta ese investimento que o manteñan, que volvan a Narón para escoitar a pé de obra os plantexamentos dos veciños e veciñas, que maioritariamente están a favor dunha senda, e que non opten pola vía máis sinxela que é quitarlle a Narón eses case 800.000 euros de investimento e pedirlle ao Concello que faga un proxecto consensuado, que é precisamente o que deberían ter feito desde o principio na Xunta, consensualo cos afectados e escoitar as súas demandas”. No transcurso da xuntanza Ferreiro solicitou a Vázquez a execución do tramo de senda que discurre pola estrada de Baltar –AC-114-, unha petición que a conselleira se comprometeu a analizar, e que o Concello completará coa ampliación da rede de abastecemento e saneamento polo citado tramo. “Desde o equipo de goberno continuaremos estudando posibles alternativas a esta situación e ofrecemos á veciñanza a total colaboración para continuar mellorando os servizos e infraestruturas das nosas parroquias, entendendo que esta senda é un deles”, subliñou Ferreiro. Así mesmo, avanzou que “precisamente porque cremos que é un proxecto positivo para O Val en particular e para a cidade en xeral, non imos ser este equipo de goberno os que demos a espalda a todos eses veciños e veciñas que están a favor da senda, polo que analizaremos desde o Concello a viabilidade dun novo proxecto retomando ese diálogo que a Xunta lles nega”. A alcaldesa subliñou finalmente que “se a Xunta non dispón nestes momentos de capacidade económica para facer un novo proxecto de senda peonil e ciclista consensuado coa veciñanza, desde o goberno local estamos dispostos a asinar un convenio con eles para que finalmente se execute esta obra na parroquia do Val”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal