Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA INSTA Á XUNTA A ADOITAR MEDIDAS CONTRA OS ESTRAGOS PROVOCADOS POLOS XABARÍS
Marián Ferreiro urxe unha resposta a esta problemática por parte da Xunta de Galicia, administración con competencias nesta área, e ofrece a colaboración do Concello
Narón, 22 de setembro de 2018. O parque do Río Freixeiro presenta desde onte importantes danos nas zonas verdes causados por xabarís. “A primeira hora da mañá os desperfectos causados por estes animais salvaxes no céspede podían verse nas inmediacións do parque infantil, xunto ás pasarelas que cruzan o río e tamén nas inmediacións da Oficina de turismo”, asegurou a alcaldesa, Marián Ferreiro. Ante a problemática que está causando desde hai tempo a fauna salvaxe no municipio a rexedora local reiterou á Xunta a urxencia de adoitar as medidas que sexan necesarias para tratar de solventar os problemas derivados dos danos que está causando. “A Xunta de Galicia ten que tomar cartas no asunto canto antes, non pode permanecer allea a unha situación que está xerando tantos estragos na zona rural e, cada vez máis, nos núcleos urbáns, como foi o caso do parque do Río Freixeiro nesta ocasión”, asegurou, ao tempo que incidiu no perigo que representan “os xabarís que xa se poden ver en numerosas ocasións polas estradas, co risco que iso supón para as persoas ante posibles accidentes”, apuntou a alcaldesa. Ferreiro recordou que hai tan só uns días representantes de varios concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal –entre eles o de Narón- mantiñan unha xuntanza en San Sadurniño para analizar os problemas que a fauna salvaxe está causando en plantacións de veciñas e veciños que posúen explotacións agrarias ou mesmo cultivan produtos da horta, coas importantes perdas que ocasiona nas súas economías. “O malestar da veciñanza é palpable desde hai anos e os perxuízos causados polos xabarís son cada vez maiores debido a que se incrementa a súa presencia ante a falta dunha resposta axeitada por parte da Xunta de Galicia, administración con competencias nesta área, para erradicar o problema”, asegurou. “Os alcaldes da zona tratamos de colaborar coa Dirección Xeral de Patrimonio trasladándolle a situación e posibles liñas de actuación para solventala, porque a medida que pasa o tempo, ante a pasividade da Xunta, está agravándose dun xeito alarmante”, apuntou. “Desde este concello xa anunciamos a nosa máxima colaboración, dentro do marco das nosas competencias, para controlar a presencia de fauna salvaxe, especialmente de xabarís, que tantos danos están ocasionando na zona”, subliñou Ferreiro.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal